Antonia de la Torre Martínez, a inesquecible mestra de Fruíme

Aurora Marco

BARBANZA

Antonia de la Torre Martínez, maestra de Fruíme (Lousame) entre 1916 y 1964
Antonia de la Torre Martínez, maestra de Fruíme (Lousame) entre 1916 y 1964

Resolvía problemas de toda índole, exercía case como unha médica e ata lía as cartas dos emigrados

13 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai un sector abondo esquecido na investigación social é o das mestras que exerceron no rural, mulleres vocacionais, entregadas con paixón ao difícil exercicio da docencia en condicións, as máis das veces, precarias. Unha delas foi Antonia Rita Ventura Paula de la Torre Martínez, nacida o 21 de maio de 1894 en Porto do Son, onde transcorreron os primeiros anos de infancia.

Pronunciar o seu nome significa, para as e os habitantes da parroquia de Fruíme, lembrar a mestra da que aínda falan con veneración as xentes de idade: «Non houbo por aquí outra persoa coma ela». Con esta frase resumen o seu sentir sobre a profesora que residiu, desde os 22 até os 70 anos, no lugar.

Tras dez anos de estadía na Coruña, e orfa de pai e nai, trasladouse a Compostela, cursou por libre a carreira de Maxisterio e obtivo os títulos de Mestra Elemental e Mestra Superior (1911-1915). Superadas as oposicións, en 1916 chegou ao que sería o seu primeiro e único destino, Fruíme (Lousame), centro do distrito escolar, onde permaneceu 48 anos ininterrompidos até a súa xubilación en 1964, só con saídas esporádicas no período vacacional a Santiago ou Noia.

Oito familias

Naquel lugar de montañas escarpadas, frío, sen luz, sen comercio nen vías de comunicación —había que ir a Noia, o centro comercial máis próximo, andando, en carro ou a cabalo, até que puxeron transporte—, só había oito familias, a casa parroquial e a casa escola, á que asistían nenos e nenas de oito lugares, algún a tres quilómetros de distancia.

A escola, encravada nun entorno idílico, converteuse axiña no centro neurálxico de Fruíme e doutras aldeas próximas, porque aquela muller carismática non se limitaba só a educar e instruír escolares. Ela exercía case como unha médica: facía curas, puña inxeccións, facía as veces de comadroa nos partos, era a consultora, a asistenta social, a muller que resolvía problemas de toda índole, a autoridade moral, a que falaba ás xentes publicamente os domingos na igrexa... Lía as cartas que os emigrados enviaban ás súas mulleres e era tamén a encargada de respondelas porque non sabían escribir. A escola convertérase tamén nunha improvisada oficina de correos.

Naquel remanso de paz, soubo harmonizar a faceta docente, social, cos momentos de lecer que dedicaba, case exclusivamente, a ler e escribir. Dotada dunha ampla cultura, lía até altas horas da noite á luz de carburo, escribía poesía e mantiña correspondencia con moita xente, por exemplo co antropólogo Carmelo Lisón Tolosana, a quen proporcionou valioso material etnográfico. Coa súa evocación, tamén lembro a docente en proceso constante de renovación, subscrita a importantes revistas profesionais, preocupada pola metodoloxía a seguir nas aulas, cunha excelente e ben nutrida biblioteca. Participou en calidade de relatora en xornadas de formación cos mestres e mestras da zona. En varias ocasións, foi proposta para ocupar a Inspección, cargo que rexeitou.

Defensora da xustiza, axudou os máis desfavorecidos e, na posguerra, deu acubillo e prestou axuda material aos fuxidos que andaban polo monte. Tras se xubilar, residiu en Noia, onde morreu o 22 de agosto de 1969.

En Fruíme aínda falan con veneración de Antonia de la Torre