Ademais de fea, é a representación da tranquilidade, da paciencia e dunha certa paz resignada, case filosófica
27 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.É o animal de moda nos fogares galegos —supoño que tamén noutros moitos lugares— do que todos os rapaces teñen bonecos, adhesivos, capas de cadernos ou mochilas. A súa imaxe repítese ata a saturación, pero moita xente descoñece as razóns profundas polas que se puxo de moda. Non é só unha cuestión estética nin unha excentricidade das redes sociais: detrás da capibara hai unha mensaxe que conecta co noso tempo.
Tiven ocasión de vela en Brasil, no seu hábitat natural, e comprobar que, ademais de fea, é a representación da tranquilidade, da paciencia e dunha certa paz resignada, case filosófica. É como un rato xigante, herbívoro, adaptado aos ambientes húmidos, que convive sen conflito con outras especies e pasa boa parte do día repousando ao sol ou mergullada na auga. A súa simple presenza transmite unha serenidade que resulta sorprendente.
Por que se puxeron de moda as capibaras? Precisamente por esa expresión calma, por esa actitude aparentemente despreocupada que transmite bo rollo e equilibrio, algo enormemente atractivo nas redes. Fronte ao ritmo acelerado das cidades, á ansiedade permanente, á tiranía da inmediatez e da produtividade, a capibara converteuse nun símbolo involuntario de resistencia tranquila. Representa unha vida máis lenta, máis sinxela, máis en contacto co esencial.
Quizais por iso nos fascina: porque, sen sabelo, proxectamos nela o que botamos en falta. A capibara non compite, non corre, non aparenta. Limítase a estar. E nese estar, tan básico e tan esquecido, ofrécenos unha pequena lección de humanidade. Non é pouca cousa nos tempos que corren.