O manual de uso dun edificio, etamén dunha vivenda, que menciona a Lei de Edificación é un completo descoñecido para moitos propietarios
03 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O manual de uso dun edificio —tamén dunha vivenda— que menciona a Lei de Edificación é un completo descoñecido para moitos propietarios, ben porque nunca llo entregaron, ben porque, aínda tendo acceso a el, xamais o leron. Sucede algo semellante coas instrucións dos electrodomésticos: só se consultan cando xa apareceu o problema. Porén, este documento contén información esencial sobre os traballos que cómpre realizar na vivenda rematada a obra, co obxectivo de garantir a súa seguridade, funcionalidade e durabilidade.
O ciclo de vida dun edificio, que no caso das vivendas pode chegar facilmente aos cen anos, atravesa varias fases. A primeira é a conservación: limpeza de tellados e canlóns, pintado periódico de fachadas e interiores, revisión das instalacións, pequenas reparacións preventivas. Se esta fase se descoida —e en España non temos unha fonda tradición de mantemento—, entramos na restauración puntual e, máis tarde, na rehabilitación integral. Canto máis se retrasa a intervención, maior é o custo económico e social. A última fase, cando o abandono é total, é a reconstrución: apenas queda aproveitable da estrutura e o gasto dispárase.
Co automóbil somos máis rigorosos porque existe un control efectivo: a ITV e a posibilidade de sanción. No caso da vivenda non hai un organismo que vixíe de maneira sistemática a súa conservación, malia que a lei obriga a mantela en bo estado. Quizais por iso seguimos confundindo gasto con investimento, esquecendo que coidar hoxe evita ruínas mañá. Porque manter é sempre máis barato ca reparar e reconstruír.