Manchas en fachadas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

JOSE PARDO

10 mar 2026 . Actualizado a las 14:02 h.

O deseño dunha fachada pode determinar e impulsar o nacemento de manchas, que se transforman en verdadeiros xardíns horizontais espontáneos, vexetación que ademais de ensombrecer e afear o aspecto dun edificio, altera os seus equilibrios físicos, retén humidade e compromete a durabilidade dos materiais e o confort interior.

O clima galego é singular e persistente na súa relación coa auga, e calquera importación estética doutras tradicións arquitectónicas pode fracasar no noso contexto ambiental. Sabíano ben os nosos devanceiros, que construían fachadas lisas, coas xanelas aliñadas co plano exterior para que a chuvia esvarase sen atopar repouso nin xeometrías onde acumularse.

Cando non chove, o po atmosférico deposítase nas cornixas por pura razón xeométrica. Coa presenza da auga, ese sedimento convértese nunha pasta que, ademais de favorecer a colonización biolóxica, descende pola fachada deixando trazos e procesos de degradación visibles.

A observación dos templos históricos, da arquitectura barroca ou modernista revela esta metamorfose cromática producida pola interacción entre material, clima e tempo. Nos últimos anos, moitos promotores incorporaron molduras superficiais que simulan tradición sen asumir a lóxica construtiva. Son peles delgadas, incapaces de xestionar a auga, que aceleran o deterioro.

Deseñar unha fachada é anticipar o movemento da materia e do tempo. Eliminar planos horizontais innecesarios non é unha decisión formal, senón unha estratexia técnica de conservación e intelixencia ambiental. Tamén é unha cuestión ética.