«Eran caixiñas humildes, non moi antigas, de moita devoción»
25 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Onte este xornal publicaba unha reportaxe de M. X. Blanco sobre a tradición aínda viva das capeliñas itinerantes. Adoitan ser imaxes da Virxe, aínda que eu lembro ter visto tamén algunha de Santo Antonio.
Pola casa da miña avoa pasaron algunhas veces. Eran caixiñas humildes, non moi antigas, de moita devoción. Lembro unha cun punto filipino, como traída das colonias, con cunchas, caracolas e ourizos de mar. Tito o Dulceiro ofreceu un dato sorprendente: aínda trinta capeliñas percorren as casas de Rianxo. Son cultos íntimos, pero ao participar nunha cadea, tamén sociais.
Indaguei un pouco sobre a súa orixe. Moitas destas piedades populares teñen que ver cos franciscanos, e o convento de Santo Antonio da Pobra foi un foco moi importante destas relixiosidades no Barbanza. Non é casual que o Santo Antonio do mar da rampla do convento perpetúe a memoria dos frades dous séculos despois. Porén, as figuriñas que circulan pola comarca non parecen nunca moi antigas.
Outras importantes promotoras foron as Fillas da Caridade, tamén presentes na comarca do Barbanza desde o ano 1917 no colexio da Milagrosa (Oleiros-Ribeira), das que me honro de ser antigo alumno. E un terceiro momento foi na posguerra.
A partir dos anos 50 estas capeliñas, no clima do nacional catolicismo, teceron e reforzaron redes entre as persoas máis alá da devoción relixiosa, e deron consolo en tempos escuros. Pouca xente lembrará con certeza a súa orixe, pero tanto ten: para as mulleres que as coidan, estas capeliñas axudan no seu presente.