Vacacións?

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Un avión de Ryanair despegando en el aeropuerto de Santiago.
Un avión de Ryanair despegando en el aeropuerto de Santiago. XOAN A. SOLER

07 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

concepto de viaxar que tiñamos antes da dixitalización transformouse. Hoxe, máis que vacacións de lecer, facémonos pasaxeiros do traballo, escravos de alertas e mensaxes que nos obrigan a facturar horas antes de embarcar, esteamos na praia ou tomando un café. O que antes realizaba o persoal do aeroporto recae agora sobre nós, mentres chamamos descanso a unha tarefa que en realidade nos consume tempo e enerxía.

Nos hoteis, o rexistro en liña pide datos que descoñecemos, números de soporte de documentos, consentimentos invisibles. Nas plataformas de aluguer turístico, formularios intricados, instrucións en español suramericano ou con xiros confusos, transforman a chegada nunha proba de resistencia dixital.

O que antes era acollida cos brazos abertos convértese nun labirinto que, se non navegas con coidado, pode deixarte tirado no aeroporto ou na rúa, perdido entre códigos e mensaxes.

Non so é burocracia, senón o síntoma dunha sociedade que substitúe humanidade por algoritmos. Pasamos gran parte do tempo vacacional traballando para que as compañías optimicen beneficios, mentres a nosa experiencia real se dilúe. Perdemos algo esencial: a capacidade de vivir o presente sen intermediarios dixitais.

O futuro anuncia a radicalización: viaxes virtuais que inxectan no cerebro, que xa vimos na película Desafío total, borrando a fronteira entre realidade e simulación, entre o descanso e a explotación. Viaxar deixa de ser gozo e convértese nunha metáfora do noso tempo dominado pola eficiencia, onde o humano queda reducido a mera ficha nun xogo dixital sen alma.