O temón (II)

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez CADERNO DE BITÁCORA

BARBANZA

Botadura dunha dorna
Botadura dunha dorna MARTINA MISER

Nas dornas, parte da pala prolóngase por debaixo da quilla ata o asafrán

21 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Si, en galego dise temón ao que case todos os da beira do mar chamamos timón; e tamén, prezado lector, é correcto dicir cear, aínda que a maioría dicimos ciar cando bogamos para atrás. Estas dúas palabras foron motivo de cordial comentario do bo amigo Santi, ao meu artigo do pasado domingo. E, que queren que eu lle faga? Así nos obriga o galego normativo.

No artigo de hoxe falaremos dalgunhas clases de temóns e o relacionado con eles, sen nos meter en demasiadas fonduras.

O chamado temón simple ou ordinario é o que vemos nas embarcacións de pequeno porte, como botes, racús, bucetas e similares: unha táboa vertical, enganchada nuns machos e nunhas femias cunha caña para xirala.

Neste punto debemos facer unha mención especial para o temón da dorna e o seu peculiar deseño. A pesar da súa antigüidade, este temón podémolo incluír dentro dos chamados temóns semicompensados, pois nas dornas, parte da pala prolóngase por debaixo da quilla ata o asafrán, facendo un ángulo entre a quilla e a estampa. Deste xeito, aumenta considerablemente a superficie e a lonxitude, ata a cabeza onde se axusta na alfiestra da caña. Este tipo de temón, suxeito pola femia, a agulla e o chantadiso, facilita o goberno e dálle maior estabilidade á nosa mariñeira embarcación na súa navegación a vela.

Cando falamos de temóns semicompensados referímonos a aqueles aos que a pala lles sobresae aproximadamente un terzo pola proa da mecha. Este é o que máis se utiliza nos grandes barcos a motor, para facilitar a manobra e o movemento dos enormes temóns que levan.

Pero xa sabemos que o temón non se goberna por si só. Hai que darlle ordes e saber interpretalas. E diso saben dabondo os nosos bos temoneiros, e ben que presumen diso con razón. As ordes ao temón son precisas e non se prestan a confusión. Se o práctico, o capitán ou o oficial de garda lle di ao temoneiro «caendo a estribor/babor», «levantando o temón», «así dereito» ou «temón á vía», o bo temoneiro sabe perfectamente cando e como o ten que facer.

Por certo. Tiven que ver a película Titanic, de James Cameron, máis dunha vez, para confirmarme no erro que se produciu na dobraxe ao castelán, cando, á vista do iceberg amurado a estribor, o temoneiro recibe a orde de «todo a estribor!», cando o lóxico sería «todo a babor!». A que se debeu tal erro? Pois case seguro que ao termo inglés hard port (todo a babor), que, dito a todo meter, o tradutor confundiuno con starboard (estribor)... Pero na cinta vese ben como o bo temoneiro move a roda a babor. Xa ven vostedes que ata nas películas acertan os bos temoneiros acostumados a interpretar as ordes ao temón en galego, en castelán, en inglés ou no idioma que lles boten. Non me estrañaría que o temoneiro do Titanic fora galego...

E para rematar, a tantos profanos, vostedes xa me entenden, que usan con gratuidade os termos mariñeiros referidos a rumbos e temóns, recordaríalles que non todo é liso e chan; pois ás veces, se queremos seguir pola ruta que desexamos, convén ter en conta o náutico refrán «da carta ao temón, ao revés a corrección». E tampouco está demais lembrar que non todo fica nas mans de quen leva o temón. Pois tal como dixo un veterano presidente mexicano ante as liortas políticas no seu país, «eu son responsable do temón, pero non desta tormenta». Non lle faltaba razón.