Todo parece indicar que estas vagas serán cada vez máis frecuentes e teremos que prepararnos para algo que non nos gusta nada: cambiar os hábitos
08 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O outro día, no medio da vaga de calor, puiden ver o pouco acostumados que estamos a eses episodios. No momento do día que máis pegaba un grupo de xente pediu abrir todas as fiestras e portas dunha casa «para que ventile». A ninguén dun clima acostumado aos rigores do sol se lle pasaría pola cabeza tal cousa. Por dramático que pareza, o xeito de resistir é xusto ao contrario: pechar todo ata deixalo en penumbra e agardar con paciencia ata o descenso da temperatura na tardiña.
Todo parece indicar que estas vagas de calor serán cada vez máis frecuentes, e teremos que prepararnos para algo que non nos gusta nada: cambiar os hábitos de vida e pensar o noso territorio, as infraestruturas hidráulicas e pode que en parte a nosa identidade doutro xeito. Nesa mesma festa, xente do sur de España preguntounos como lle chamabamos á sesta de antes de xantar. En Andalucía, por exemplo, chámase a «siesta del carnero». Nós mirabámolas como marcianos. Durmir antes de xantar? Pero o certo é que con aquela calor abafante máis dun pensou que non era tan mala idea. O noso corpo comezaba a adaptarse.
O outro día lin un estudo que ligaba o incremento da produtividade e da innovación nos países do sudeste asiático á popularización do aire acondicionado, hoxe en día tan denostado. Unha calor excesiva volve todo relativo: o xantar, a roupa, os argumentos, o esforzo intelectual. Deberiamos telo presente cando tanta xente solta opinións sobre o carácter dos países do sur con tanta lixeireza como ignorancia.