O termo cable ten varias acepcións e a min faime recordar aquelas notificacións telegráficas que recibíamos os agora vellos antes mozos en idade de embarcar. Primeiro chamóuselle telegrama, por aquilo de que se emitía por telegrafía, e logo despois ven o de cablegrama, cando as comunicacións se mandaban polos cables submarinos baixo os océanos. E como non, tamén son cables eses aceiros torcidos que se utilizan tanto en terra como na pesca e na mercante.
Pero imos falar doutro cable, tal que é a medida da décima parte dunha milla mariña que, polo tanto, redondeando, equivale a 185 metros.
Claro que se buscamos o sentido figurado e dicimos «bótalle un cable» estamos pensando en axudarlle a alguén a saír dunha situación comprometida. Pero tal como están as cousas no ámbito político e de crispación social actual, puidérase entender como votarlle un lazo corredizo ao pescozo. Mellor deixamos estas malas intencións para non lle dar ideas a algúns, e falemos da braza, cuxa etimoloxía ven de brazo e de aí pásase ao abrazo...
A braza é unha medida pouco precisa, da que podemos atopar algunhas variantes: temos a braza de nove cuartas que equivale a un pouco máis de 1,80 metros, e que vén ser a extensión dos dous brazos en cruz, tan usada polos mariñeiros, aínda que a anatomía non sexa igual para todos. Como dicía Cunqueiro (nun contexto diferente, claro), «sempre houbo homes, homiños, macacos e macaquiños». Tempo atrás considerábase a braza española de 1,67 metros, que vén ser un cable dividido entre tres partes. Xa se sabe que antes, moitos dos nosos paisanos eran máis ben chaparros e incluso non daban a talla para facer a mili por mar. Prégolles disimulen estas brincadeiras sen ánimo de faltar.
Como resumo, debemos sinalar que é a braza inglesa a que mostra as profundidades nas espléndidas cartas náuticas do Almirantazgo (as máis usadas e recoñecidas). Esta braza, coa abreviatura fms (fathoms en inglés), ten 1,83 metros escasos. A braza francesa, pola contra, non pasa de 1,62 metros, aínda que os nosos chauvinistas veciños pensen que teñen os brazos máis longos ca nos.
Son medidas máis ben aproximadas, como tamén o é a cuarta, que vén ser a distancia entre a punta do polgar e o dedo mamiño da man aberta dun home feito, que comunmente equivale a uns 20 ou 22 centímetros. A cuarta tamén é a medida tradicional que se emprega para definir as diferentes clases de dornas. Así, temos a polbeira, de sete cuartas e media; a pesqueira, de nove cuartas (que agora é a máis habitual); e a maior, a xeiteira, que podía medir de trece a quince cuartas de quilla.
E o nó referido á velocidade? Pois un nó é unha milla náutica por hora, sobre unha superficie sen correntes nin abatemento. Que de onde ven iso de chamarlle nó? Pois vén xusto de aí, dos nós en que se dividía a driza da «corredeira de barquilla», aparello usado para medir a velocidade. Os nós ían separados cada 15 metros e medio (aproximadamente), que ven ser a cincuentavinteava parte dunha milla. E segundo os nós que se lascasen en 30 segundos, así eran os nós de velocidade que levaba a embarcación.
Claro que, para algúns, quizás o máis famoso nó sexa o nó gordiano, ese que o prepotente e cruel Alejandro Magno cortou coa súa espada. Séculos despois, tal simboloxía adoptouna o noso Fernando el Católico no seu escudo. Algo así como «tanto monta cortar como desatar». Ou sexa: da igual como se faga, o importante é conseguilo. Permítanme que diga que non comparto tal perversa teoría, nin ética nin moralmente.
Tamén é certo que coa calor que fai, non é cousa de meterse en profundidades filosóficas. Prefiro mergullarme nos termos mariños. Resultan máis refrescantes.