A sede

Ciprián Rivas

BARBANZA

Imaxe de arquivo dunha muller bebendo dun porrón.
Imaxe de arquivo dunha muller bebendo dun porrón. CARLOS CORTÉS

Chegou o tempo de suar a gota gorda. Escorrega a auga polas caras e non hai abanico con tanta amplitude de pano nin coas variñas tan longas para moderar a temperatura corporal, tampouco dispoñemos de sombra tan ampla onde situarse para minguar os trinta e seis grados reflectidos nun termómetro de mercurio de toda a vida. Eses xa prohibidos pola lexislación vixente.

É tanta a calor e tanta as gañas de beber algo fresco, de sentir pasar pola gorxa un liquido con propiedades para amainar esa sensación de acartonamento, de ter teas de araña pegadas ao padal, outras preto das amígdalas e outras obturando a campaniña xa tan seca como a propia mojama, tanto é así que ningunha bebida conxelada sacada do frigorífico conta coa capacidade para eliminar esa sensación de sede.

A única fórmula, probada en multitude de ocasións por labregos e mariñeiros, por canteiros e albaneis, por curas e monaguillos é o porrón, formado dunha panza ancha onde se apousenta a auga sacada do pozo ou do manancial; a da billa non é o mesmo, de boca xenerosa disposta a taparse cun corcho ou cunha peza do mesmo barro do artefacto, dotado dunha asa xenerosa por onde agarrar para viralo cara á boca, a ser posible de pescozo curto porque o líquido non ten que viaxar máis do necesario e cunha xarraquilla ou pico por onde vertelo directamente na boca.