E ao final, en Galicia

La Voz CAIXA DE CORREO

BARBANZA

Este verán fun de viaxe a Estados Unidos. Estiven acollido na casa dunha encantadora familia de Indianápolis, no corazón do coloso americano. Non é o destino máis carismático de cara a decorar un perfil de Instagram, pero si cubre o expediente de tópicos que todo viaxeiro inexperto ten na súa mente antes de subir ao avión.

 As casas están presididas por bandeiras americanas, os coches son innecesariamente xigantes, teñen un equipo na NBA e gústalles poñerlle mantequilla a todo o que lle meten o dente. E si, tamén está permitido ter armas, aínda que un pode elixir o contrario se así o considera.

Aínda que antes da viaxe vencéronme os meus prexuízos de ignorante, non é malo recoñecelo, rematei por sentir como se en ningún momento tivese saído do meu Boiro, malia a manida morriña que todos experimentamos fóra do noso recuncho atlántico.

Estiven nunha casa de fartura, desas nas que resulta ata abrumador pensar en rematar toda a comida que se ofrece. Estiven no núcleo dunha familia profundamente acolledora, na que calquera con boas intencións é benvido sen importar procedencia ou condición. Estiven rodeado de persoas cun humor tan próximo á retranca, que só non me atrevo a chamalo así polo feito de non ser en galego. Estiven nun fogar no que se escoitan os consellos dos maiores, no que os pequenos corren polo xardín, no que vive xente de misa, no que o can é moito máis que unha mascota e no que se agradece a diario pola sorte de estar xuntos.

Só me faltou algún que outro pincho de queixo con marmelo e algo de vento de nordés para poder dicir que, ao final, sempre estiven en Galicia.