Normalidade

Ciprián Rivas

BARBANZA

<span lang= gl >Pendentes da chegada do verán de San Martiño e de que as castañas maduren para facer un bo magosto.</span>
Pendentes da chegada do verán de San Martiño e de que as castañas maduren para facer un bo magosto. BASILIO BELLO

Pasaron a Guadalupe, O Nazareno e pasará a Mercé. Setembro deixa tras de si un aroma a incenso espallado polas estradas, os montes e praias de Barbanza-Arousa acompañado do son dos grupos de gaitas e das bandas de música

28 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasaron a Guadalupe, O Nazareno e pasará a Mercé. Setembro deixa tras de si un aroma a incenso espallado polas estradas, os montes e praias de Barbanza-Arousa acompañado do son dos grupos de gaitas e das bandas de música, tamén, do fume das sardiñadas populares, das churrascadas e deses chourizos brancos que se estiran na grella inundando dun recendo recoñecible a contorna, do fume doce do aceite dos churros, de melindres que escaparon do garabullo dunha xesta para entrar nunha bolsa de plástico, de eclipses provocadores, de romarías onde as persoas levan a tortilla de patacas, a empanada de xoubas e o queique feito con ovos da casa e co millo moído nos muíños de Amendo, de manteiga da nosa rubia galega para acompañar ao licor café. O único que vén de fóra e o azucre.

Ese escurecemento provocado por tapar o sol, aínda que por pouco tempo, levou a máis persoas ao monte e ás praias que calquera acto organizado polas confrarías de ofrecidos a santos e santas deste concorrido verán no que o prezo do petróleo non deu tregua.

Será difícil volver á normalidade, pero chegou o momento de gardar o traxe de nazareno así como a uniformidade civil que define a irmandade ou confraría á que pertences para entrar na rutina diaria de traballo, casa, partido de fútbol os domingos, ensaio de tambor os mércores e partida de birisca todas as tardes, ás cinco, no Liceo Marítimo cos compañeiros de case sempre, pois, os que fallan é porque colleron a gripe traizoeira de todos os anos

Os días de rosas e viño deixan paso a un outono de diferente cor pendentes da chegada do verán de San Martiño e de que as castañas maduren para o magosto.