Un epitafio para O Ghandulo en Rianxo

Marta Gómez Regenjo
marta gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

<span lang= gl >Suso Rañó con Xesús Santos nunha imaxe do arquivo da compañía Airiños</span>
Suso Rañó con Xesús Santos nunha imaxe do arquivo da compañía Airiños

Suso Rañó, un histórico da compañía Airiños, faleceu este luns en Asados

30 sep 2026 . Actualizado a las 16:56 h.

O domingo foi un día alegre en Asados, Santos festexaba os 90 anos cunha homenaxe e boa parte da parroquia quixo unirse á celebración. Pero ese día houbo un gran ausente: Suso o Ghandulo. Suso, que non perdía tirada, que sempre estaba en festas, eventos e para o que fixera falta. Que durante décadas amasou pan nas madrugadas e recorreu milleiros de quilómetros polas mañás para levárllelo á casa aos veciños. Que non perdoaba a partida e a chiquita. Suso non estaba, e todos sabían que se non estaba era por algo. Levaba uns anos fintando a morte, vivindo como lle deu a gana, como sempre fixo. Gañándolle días, semanas, meses á vida. Pero en Asados xa todos intuían que a prórroga estaba acabando e o pitido final chegou este luns.

Entón, comezaron as historias, os centos de anécdotas compartidas, os recordos arredor dun Suso que é irrepetible. Uns lembraban os bocadillos do pan do Ghandulo que os alimentaron na infancia, ás veces un pouco sosos porque esquecía botarlle sal: «É polo voso ben, que o sal é malo», replicaba cando lle dicían algo. Outros recordaban a súa graza para contar historias, coma unha sorte de trobador moderno; os máis, o seu sentido do humor.

Non faltaron as alusións á súa vea artística. Foi un histórico da compañía de teatro Airiños, dende a que lle dedican un agarimoso recordo ao seu Matapitos. Ese foi o primeiro personaxe que interpretou sobre o escenario cando era apenas un rapaz, e tan memorable foi a súa actuación que aínda hai quen o chamaba por ese alcume. Estivo moitos anos comprometido co teatro. Para ser alguén que parecía andar sempre de chanza, tomaba moi en serio cada obra, aínda que moitas anécdotas quedaron entre bambalinas, como aquela vez en Isorna que non daba aparecido e estaba xa o seu suplente preparado para saír ao escenario. «Era un gran actor», resumía o seu amigo Xesús Santos, e a súa preguiza para estudar o seu papel contrarrestábaa coa súa enorme capacidade de improvisación.

Tamén era de cantar, e foron el, Saro e Xusto de Felipe os que lle ensinaron a un Pedro Piñeiro acabado de chegar a Asados as coplas populares de Rianxo, coa de Deira e a de Picón convertidos nos seus locais de ensaio particulares alá por mediados dos 70: «A verdade é que cantaban moi ben, sobre todo o Ghandulo». Contábao o propio Piñeiro ao recordar como os tres acudiron a el para que os axudase a por en marcha o centro cultural da parroquia, un centro que nos 80 viviu o seu apoxeo e que nos últimos anos está recuperando a súa actividade da man da Leoira, pero que posiblemente non existiría sen Saro, Xusto e Suso. Ningún dos tres está xa e é parte do seu legado.

Sabíase que o Ghandulo tiña mal diagnóstico e el empeñouse en espremer ata o último segundo. Hai quen di que foi valente, outros admiran a súa coraxe, haberá quizais quen o cuestione, e posiblemente a procesión ía por dentro. Pero unha cousa é clara: viviu como quixo e iso non ten prezo. Non é mal epitafio.