Especie de armario onde se pon a agulla de marear». Así de conciso é como nos define o socorrido Espasa a palabra bitácora; ese elemento tan importante para a axuda á navegación.
Pero fala da «agulla de marear». E buscando noutro dicionario da RAE, atopámonos que tal expresión está moi relacionada ao coñecemento, a destreza e a habilidade das persoas para manexar os negocios ou coñecer ben un asunto. Teño escoitado a veciños falando dalgún habilidoso pero mal político, dicir del que «coñece ben a agulla de marear». Démoslle pois creto a importancia da definición do dicionario, e vaiamos a falar da bitácora.
En calquera caso, permítanme dicir que non me parece axeitado chamarlle «armario» a bitácora. Este importante aparello é cando menos un moble (non un vulgar armario), especialmente deseñado para soster a citada agulla de marear que coñecemos como compás. Nome que ten a súa orixe nos círculos que debuxa un compás; pois así é a forma circular da rosa dos ventos.
Falando de compás, hai varios modelos. O que coñecemos como Thomson, é o máis frecuente nos barcos. Está formado por un recipiente chamado morteiro, no que hai unhas agullas imantadas flotando ou apoiadas nun pivote coñecido como chapitel que, por efecto do campo magnético terrestre, fai que as ditas agullas sinalen o norte. E digo agullas, pois contra a crenza común, non se trata dunha sola agulla, senón de seis ou oito agullas imantadas, tres ou catro a cada lado do centro da rosa, unidas entre elas cun fío de seda.
Tapando todo o sistema que compón o morteiro, temos un gran caparucho de latón coñecido como cubichete. E a ambos lados da bitácora, destácanse dúas esferas de ferro doce que serven para compensar (corrixir a modo de imáns) os desvíos cuadrantais do compás. Tradicionalmente, a esfera de estribor está pintada de verde e de roxo a de babor. Parvada decorativa; pois ninguén de abordo confunde o hidróxeno co nitróxeno, e vostedes xa me entenden a picada.
Tamén debemos aquí facer mención á barra Flinders. Un tubo vertical de latón que contén os imáns que se usan para contrarrestar o magnetismo vertical. Ao estar situado na parte traseira da bitácora, destaca menos que outros elementos, aínda que non por elo é menos importante. Pásalle o mesmo cás persoas discretas...
En canto o emprazamento da bitácora a bordo, dicir que anos atrás, nos grandes buques, había tres bitácoras en tres lugares diferentes. Unha estaba na ponte, xusto fronte a roda do temón. Outra, coñecida como «a maxistral» ía colocada na ponte alta ou cuberta superior, que os ingleses lle din monkey bridge (ponte do mono). Actualmente tan só se instala unha bitácora que vai nesa cuberta superior e, a través dun tubo óptico vertical, por medio de espellos e lentes reflectoras, proxéctase á ponte a rosa náutica coa correspondente liña de fe, a altura do temoneiro. E a terceira?, ía colocada no servo temón para casos de emerxencia.
Permítanme sinalar, pois é cando menos curioso que o regulamento SOLAS (Seguridade da Vida Humana na Mar), (regra 19) cando fala da obrigatoriedade dun compás maxistral magnético, engade: «Ou outro medio independente de calquera subministración de enerxía, para determinar o rumbo do buque». Hoxe, que tantos adiantos hai, gustaríame saber que outro medio existe para sinalar o rumbo sen subministración de enerxía... Eu sei dun, aínda que só serve «segundo que casos»; pero agardo a que vostedes mo indiquen.
Mentres o pensan, non deixen de aplicar a regra básica do compás: «Da carta ao temón, ao revés a corrección». Con ou sen subministración de enerxía, nunca falla.