
Este sábado ten lugar na casa consistorial de A Pobra do Caramiñal o acto oficial de colocación do retrato de Isaac V. Maceiras Rivas na galería de rexedores da institución. Como vén sendo tradicional dende a rehabilitación do pazo municipal nos anos 80 do pasado século, o marco elixido para a cerimonia é o máis solemne dos espazos dun consistorio, o salón de plenos da corporación, onde se lle tributa un recoñecemento público a aquelas persoas que presidiron os sucesivos gobernos locais. Acto de xustiza e testemuño de normalidade democrática que se facía de agardar a unha figura que ocupou a alcaldía da vila barbancesa durante catro mandatos por elección en maioría absoluta da cidadanía, entre os anos 1999 e 2015. De aquí que, xunto con Isaac Maceiras Rivas, debamos recoñecer o xesto da actual corporación municipal, co novo talante de José Carlos Vidal Suárez á fronte da alcaldía, e de Patricia Lojo Nine como concelleira das Relacións Institucionais. Son con leccións de pedagoxía política como esta sorte de actos de recoñecemento a aqueles que un día consagraron o seu tempo, o seu saber e o seu esforzo para xestionar o ben común, onde a veciñanza ten ocasión de comprobar que na política, por riba das lexítimas diferenzas ideolóxicas, as persoas elixidas para que exerzan os seus cargos de responsabilidade suman todas xuntas a prol da localidade.
Nesta homenaxe lémbrase a un dos alcaldes máis activos da comarca e que máis impulsou o moderno desenvolvemento da Pobra do Caramiñal no tránsito do século XX ao XXI. De seguido recompilaremos unha escolma dos seus empeños e logros. Son bríos del e dos equipos de concelleiros e concelleiras que o acompañaron nos seus 16 anos de mandatos. Cando a cidadanía decidiu libre e soberana dar a súa confianza a un período de cambio, abandonaría a vida pública municipal para dar tamén esa alternativa de mudanza ao grupo político da súa militancia.
Isaac Maceiras Rivas sostivo un obxectivo prioritario á fronte dos sucesivos equipos de goberno que presidiu como alcalde: crecemento económico e emprego. Diríase que fora un slogan de non ser por que un dos máis ilustres fillos adoptivos da Pobra do Caramiñal e unha das senlleira personalidades que traballaron polo progreso económico de Galicia, don Joaquín Díaz de Rábago, advertira nos seus escritos que o desenvolvemento integral da persoa, e coas persoas dos pobos que habitan, só é posible tendo acceso a un traballo que permita afrontar a vida, gozar dunha calidade de vida digna e, sobre todo, á cultura e á educación cidadá para progresar na paz social.
Seguindo ese ideario, Maceiras xestionou a ampliación da dársena de atraque no peirao comercial, a implantación de pantaláns e a ordenación dos atraques segundo os usos e necesidades das embarcacións de pesca e marisqueo, dos barcos bateeiros ou dos amarres de recreo náutico, a captación de empresas e a ampliación do polígono industrial da Tomada, a traída de augas periférica do río Ulla, a dotación dun gran aparcadoiro público e gratuíto no recheo portuario. A carón de inversións aplicadas a infraestruturas estratéxicas como son a nova depuradora, os novos colectores xerais, a extensión do saneamento e da traída de augas por todas as parroquias, ata acadar as tres cuartas partes do territorio municipal, situando á Pobra do Caramiñal como modelo en tratamento de residuos e dotación de subministros. Metas ainda hoxe difíciles de acadar noutros concellos da ría.
Entre as súas actuacións estrela, xestionadas en cooperación con terceiras administracións, sumaría éxitos tan sobresaíntes como a eliminación, selado e rehabilitación ambiental daquel vergoñento vertedoiro da Curota, o proxecto de rexeneración que quixo fora integral das Xunqueiras e a recuperación para o baño da praia dos Areos, a dotación de paseos marítimo fluviais na Ribeiriña e Conchido, nas praias de Santo António, A Pedra da Moura e A Barca, A illa, no Río Morto; a recuperación dos miradoiros de Valle-Inclán e A Curotiña e da Pedra da Moura, os novos accesos á Curota e as pozas do Río das Pedras etcétera.
Todo en paralelo á planificada declaración da Pobra do Caramiñal como Concello Turístico de Galicia ou da Procesión das Mortallas do Nazareno como Festa de Interese Turístico de Galicia, e dos esforzos para acadar ano tras ano as bandeiras azuis que ondearon nas praias da Lombiña-Cabío e Os Areos ou a bandeira Life do porto. A Pobra púxose de moda. O apoio ás festas do Carme dos Pincheiros sacándolle o lastre de vellas polémicas, a promoción do municipio nos medios en especial nas canles de TV e radio, converter a vila nun punto de referencia habitual dos espectáculos musicais en directo do Xacobeo, promover a recuperación da Mancomunidade Arousa-Norte e, como o seu presidente, sumar o primeiro Plan de Promoción Turística comarcal, son feitos que ninguén cuestiona. Están nas hemerotecas. Unha xestión intensa, acaso comparable só coa dotación doutras tantas infraestruturas públicas: o mercado de abastos, a estación de autobuses, a lonxa portuaria e o PIF ou posto de interese fronteirizo, a ampliación da Casa do Concello cuns novos xulgado, arquivo e cuartel da policía municipal, a piscina municipal, as pistas de tenis da rúa Venecia, o campo de fútbol de Cadreche, a pista cuberta do Salustiano Rey Eiras, a pista de skiboard do Caramiñal, a oficina de turismo da Casa Mariñeira, a biblioteca Victoriano García Martí, a casa da cultura e da xuventude Raquel Fernández Soler, o teatro cine Elma, a rehabilitación integral e equipamento do museo Valle-Inclán e do seu auditorio, a restauración dos cinco templos parroquiais, da capela e adro da Virxe do Monte, de 14 cruceiros centenarios, da fonte e praza do Castelo, a construción da nova capela da Mercé, a dotación de escultura monumental para ornato de espazos urbanos e o lecer cidadá: así a Pescantina, ou primeira homenaxe á Muller Traballadora no Barbanza, o Emigrante, ou primeira homenaxe á figura do migrado e do mariñeiro galego, a Ramón del Valle-Inclán como fillo adoptivo da Pobra de senlleira proxección internacional, o cruceiro da Ruta Xacobea Mar de Arousa ou a estela que lembra ao pintor Rafael Baixeras no seu parque.
E sempre, por riba de todo, a preocupación polas xentes que habitamos aquí ou nos visitan. De xuventude digamos Escola Obradoiro, cursos de integración no mercado laboral ou Banda de Música. De servizos sociais digamos creación do centro de día, ampliación da residencia de maiores, intensificación do servizo de axuda no fogar, estacionamentos para persoas con minusvalías, sede do CAD ou creación da asesoría á muller. De urbanismo digamos humanización co plan de rúas e prazas peonís: as de Rafael Calleja, do Cardeal Patiño, da Fonte de Catro Canos, Cinco Rúas, Cantón da Leña, Irmáns Axeitos, Cristo do Pichón, da Fronte do Castelo, adro do Caramiñal, o núcleo histórico, pazos e adro da Pobra do Deán, catalogación do patrimonio arqueolóxico e de bens históricos, redacción e aprobación do PXOM, construción de vivendas públicas, estradas do Campiño, A Mirandela, O Xobre - Cabío, Santa Cruz, Santo Isidro, ampliación de accesos ao Polígono Industrial e Hospital do Barbanza etcétera.
Pola decisión popular xurdida das urnas e pola súa dedicación ao cargo representativo que lle foi confiado, o ex alcalde Isaac Maceiras Rivas reúne ese denso curriculum honorum de iniciativas, proxectos, obras e méritos do seu tempo. Razóns deste recoñecemento que se lle tributa a el, e a través del aos concelleiros e concelleiras dos sucesivos equipos de goberno que presidiu. A carón deles, e tal e como proclama o dito clásico, sexan «honrados aqueles que honran» polo exemplo dado.