Patricia Lojo: «É importante que teñan espazo os grupos locais»

A POBRA DO CARAMIÑAL

A concelleira de Cultura da Pobra subliña a importancia de manter as tradicións e fala de que esta celebración ten un carácter especial ao simbolizar o reencontro
17 ago 2025 . Actualizado a las 16:06 h.Recoñece a concelleira de Cultura da Pobra, Patricia Lojo, que goza moito das celebracións do Carme dos Pincheiros e nesta oportunidade poderá facelo dun xeito algo máis relaxado que na pasada edición porque o peso da organización recae na comisión de festas, aínda que a Administración local tamén está implicada e busca que todo vaia ben.
—Como é a colaboración do Concello coas festas nesta ocasión?
—O Concello contribúe coas actividades da primeira xornada. Son os dous concertos que hai, Ajencia Trivutaria e Martin Human. Son formacións de aquí. Consideramos que é importante que teñan espazo os grupos locais nas festas. Para os máis mozos tamén temos un pinchadiscos porque tiñamos moitas peticións. Na xornada dos San Xuerguíns, que é a máis agardada, poñemos un grupo para a sesión vermú porque funciona ben. E despois o Concello tamén proporciona apoio para todo o relacionado con esta festa dos mozos.
—Que significan estas celebracións para vostede?
—Teñen a importancia de manter as tradicións que considero que hai que coidalas. No pobo temos outra festa importante, como é a do Nazareno. O Carme dos Pincheiros é unha festa especial polos xigantes e cabezudos e tamén é a última celebración da patroa dos mariñeiros que ten lugar. Non hai procesión por mar, pero si unha por terra que resulta moi emotiva. Toda a festa ten un carácter especial porque simboliza o reencontro. Faise nesta época porque se agardaba aos mariñeiros, os pincheiros, que estaban fóra o 16 de xullo. Ao marxe do turismo que poidan atraer as festas, esta é unha cita á que non se pode faltar. Hai xente da vila que reside fóra e que colle vacacións ou, polo menos uns días libres, para estar nos Pincheiros. Iso tamén forma parte da tradición e axuda a darlle un carácter moi singular a esta celebración.
—Como vive as festas?
—Este ano un pouco máis relaxada. Eu gozo moito destas xornadas. Agora ben, sempre tes a inquedanza de que todo saia ben. Son celebracións que congregan a moita xente. Buscas que todo transcorra o mellor posible. A nivel persoal, a procesión é algo moi emotivo e os desfiles dos cabezudos crean moita ilusión. Resulta moi emotivo ver que toda a xente se xunta.
—Mencionou en varias ocasións a elevada presenza de xente durante o verán na Pobra, modela iso a programación cultural nestas datas?
—No verán non é difícil programar actividades culturais. Todo o que fagas é agradecido porque a xente está na rúa. Sempre intentamos ter grupos para tódolos públicos e darlle cabida a tódalas asociacións do municipio para que amosen o seu traballo. Un aspecto que si estamos a potenciar é o de buscar unha simbiose entre as actividades e o entorno. Nesta época do ano, no que as zonas que concentran os negocios hostaleiros están máis cheas, non parece que faga tanta falla intensificar os actos nas terrazas. Na Pobra temos sitios preciosos dos que se pode gozar con espectáculos ao aire libre. Por iso, ademais de intentar colaborar con tódalas entidades tamén procuramos buscar lugares distintos para levar a cabo cousas.
—Supoño que existen moitas posibilidades.
—No ámbito cultural hai moitas cousas que poden facerse, aínda que orzamentariamente hai limitacións que impiden chegar a todo o que me gustaría. Eu agardo que o vindeiro ano poidamos ter algo máis de dispoñibilidade a nivel económico. Unha das cousas que me gustaría é poder traer ao municipio un espectáculo de danza. Polo demais, buscamos sempre que haxa diversidade. No inverno existen tamén maiores limitacións debido ao tempo. Tes que programar en interior e, no caso de non facelo, dispoñer desa alternativa por si fixera falla. Procuramos traer sempre actividades que poidan ser do agrado de todos.