A Pobra regresa ao seu pasado cunhas xornadas para recuperar a memoria inmaterial do concello

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

Patricia Lojo, José Carlos Vidal e Manuel Gago presentaron as xornadas
Patricia Lojo, José Carlos Vidal e Manuel Gago presentaron as xornadas cedida

As ponencias terán lugar o día 27 deste mes e o 28 haberá unha visita guiada

17 sep 2025 . Actualizado a las 11:02 h.

As xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo chegarán a finais deste mes a súa oitava edición, e nesta ocasión contarán con catro poñentes que afondarán «nas memorias inéditas ou perdidas» do municipio. Así o explicou o xornalista e profesor da Universidade de Santiago Manuel Gago, que foi o encargado de presentar as conferencias xunto co alcalde pobrense, José Carlos Vidal, e a concelleira de Cultura, Patricia Lojo.

As charlas terán lugar no Cine Elma os días 27 e 28 de setembro e comezarán ás 16.30 horas, coa intervención do investigador Miguel Conde, que falará sobre Tradición, cambio e fantasía nos nomes de lugar da Pobra, onde analizará a toponimia de distintas zonas do municipio. Naty Rey, experta en antropoloxía e etnografía, será a seguinte convidada desta edición, na que presentará aos asistentes os distintos ritos que tiñan como protagonistas aos cruceiros, lugares onde se enterraban aos neonatos e que tamén eran puntos de curación para os nenos.

Toma de decisións

A terceira charla terá como poñente ao propio Manuel Gago, que sobre as 18.40 horas do sábado, presentará a charla As árbores do concello na Pobra do Caramiñal e en Galicia: unha memoria perdida, na que afondará sobre a importancia deste elementos naturais como lugares vinculados a toma de decisións importantes. O profesor José Manuel Vázquez Lijó será o encargado de pechar esta xornada falando dos primeiros pobrenses que fixeron as Américas.

Para o domingo está prevista unha saída, a partir das 10.00 horas, na que os asistentes descubrirán os cruceiros, lendas e rituais que tiveron como escenario Santo Isidoro de Postmarcos.

Durante o a presentación o mandatario José Carlos Vidal lembrou que o municipio ten un enorme patrimonio inmaterial con grandes fitos históricos de interese, algúns dos cales xa se foron recollendo este anos nas xornadas, onde se abordaron 28 cuestións vinculadas coa historia da Pobra.

Pola súa parte, a concelleira Patricia Lojo explicou que estas xornadas son xa unha cita consolidada para os veciños, aos que animou a participar nesta oitava edición. Tamén explicou que para a visita guiada hai prazas limitadas, e é preciso inscribirse previamente no teléfono 981 831 633 ou no correo bibliotecapobradocaraminal@gmail.com.