Apunta ao traballo e á conciliación familiar como motivos principais da decisión, que fará efectiva este luns
13 oct 2024 . Actualizado a las 22:01 h.Mediante a publicación dun comunicado a través das redes sociais anunciaba Dores Torrado a súa dimisión como concelleira de Boiro na noite deste domingo. Argumenta motivos persoais, relacionados sobre todo coa súa vida laboral e coas dificultades para conciliar a vida familiar, e anuncia que seguirá implicada na política municipal. Tamén fai mención a quen será o seu sucesor á fronte de Boiro Novo, Xurxo Triñanes: «Unha persoa que durante estes últimos anos estivo sempre ao meu carón, incluso en momentos de saúde delicados».
Anunciando a súa intención de comezar unha nova etapa, Dores Torrado explica que «a todas as persoas lles chega un momento na vida no que precisan parar, pensar e mirar todo o que levan andado neste camiño que se acurta a medida que van cumprindo anos». Fai despois un percorrido pola súa traxectoria no asociacionismo e no activismo político, explicando que comezou cando con 16 anos acudiu á primeira asemblea. Rematada a carreira universitaria, con só 24 anos, converteríase na concelleira máis nova da historia de Boiro, militando naquela época nas filas do BNG. Pasaron desde entón case seis mandatos, formando parte do goberno local en tres e na oposición, noutros tantos. Chegada a actualidade, apunta cara a conciliación familiar coma o reto máis duro «por tan alto grao de esixencia, tempo e dedicación que require e merece a política municipal».
Dores Torrado considera que chegou para ela o momento de parar e asegura que marcha «coa conciencia limpa de antepoñer o ben común do pobo de Boiro á miña propia comodidade e actuando sempre co convencemento de que o meu servizo público foi útil para o noso concello». Recoñece que a decisión tomada foi dura e moi meditada, pero asumiuna convencida de que «Boiro Novo queda nas mellores mans». Con respecto ao seu sucesor, amósase convencida de que Xurxo Triñanes será «un gran concelleiro para esta vila e sempre contará co meu apoio no duro traballo que iso supón».
No comunicado difundido a través das redes sociais, a boirense aclara que «non é un abandono, nin un paso atrás, xa que seguirei implicada na política municipal», engadindo que a política «é máis que unha acta de concelleira, é unha vocación de servizo público e iso non o outorga ningún título nin cargo». Por iso lle lanza unha mensaxe á cidadanía: «En min teredes sempre unha persoa á que trasladarlle as vosas inquedanzas e necesidades».
Torrado fai mención a todas as persoas coas que compartiu a súa viaxe na política, en especial «quero recoñecer o compromiso e a confianza que depositaron os compañeiros e compañeiras de partido que, dende o ano 2015, tiveron o convencemento de que era eu a persoa máis preparada para ser a alcaldesa do noso pobo». Asume que ao longo da súa traxectoria puido ter erros e acertos, pero sostén que «nunca fun unha concelleira de palla, de quentar a cadeira sen máis e, como me teñen dito en moitas ocasións, o que nunca fai nada, nunca se engana». De feito, marcha satisfeita de ter deixado a súa pegada na vila, sobre todo, no eido do deporte, área da que foi responsable.
A boirense anuncia que este luns presentará a súa renuncia como concelleira de Boiro: «Agardo que este descanso non decepcione e que sexa comprendido pola veciñanza que depositou o seu voto en min como o que é, unha pausa necesaria. Tamén por aquela que, a pesar de que non me votou cree que son unha persoa útil na corporación municipal».