
O alcalde de Boiro despídese de seu pai, «un xefe, un compañeiro de traballo, un confidente e un amigo, todo un exemplo a seguir»
04 ago 2025 . Actualizado a las 17:00 h.Todos os que tivemos a oportunidade de convivir con el sabemos do seu entusiasmo, das súas ganas e do seu sentido do humor. Calidades que o acompañaron ata os seus últimos días.
Para min foi moito máis que un pai. Foi un xefe, un compañeiro de traballo, un confidente e un amigo. Todo un exemplo a seguir do que herdei o alcume familiar e tamén os valores que transmitía. Sempre foi un home bo e xeneroso, que antepoñía as necesidades dos demais ás súas propias.
Un home cunha paciencia infinita e cun gran temperamento que o levaron a emprender e montar o seu propio negocio, a autoescola que hoxe teño a fortuna de dirixir. Milleiros de persoas pasaron polas súas clases e de todos eles sempre tiña un bo recordo.
Sempre tiña historias que contar e ensinanzas para aqueles que o escoitaban: de cando estivo embarcado, dos seus primeiros anos na autoescola, do traballo na horta e tamén das festas. Para min foi un exemplo a seguir, tiven a sorte de aprender con el o significado do traballo e do esforzo. Unha persoa que sempre tivo para min, e para todos aqueles que llo pedían, un consello ou unha crítica construtiva.
Os seus valores levárono a ser tamén concelleiro da corporación en Boiro, un pobo ao que sempre lle tivo moito cariño e no que deixa un gran recordo. Miro para atrás e non podo sentir máis que orgullo do home que foi e do legado que deixa en min e en todos aqueles que o coñecemos.
Foise un bo home, foise meu pai. Pero o seu recordo permanecerá para sempre con nós como a persoa con ganas e ilusión que sempre foi.
Vai tranquilo, papá. Non che esquecerá ninguén.