Marcos Fajardo: «Agardamos superar o milleiro de participantes no Día da Bicicleta»

Francisco Brea
f. Brea RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Fajardo destaca o ambiente festivo e familiar da cita
Fajardo destaca o ambiente festivo e familiar da cita CARMELA QUEIJEIRO

O edil de Deportes de Boiro confía que a choiva dea unha tregua o domingo

29 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo terá lugar unha nova edición do Día da Bicicleta de Boiro, se o tempo o permite, algo no que confía o edil de Deportes, Marcos Fajardo. Porque despois de que o ano pasado non se puidese celebrar, neste 2025 mantense a esperanza de que poidan saír as bicis á rúa.

—Haberá ganas de celebrar o Día da Bicicleta.

—Si, a xente ten moitas ganas de gozar desta actividade. Xa se veu en anteriores edicións que ten moito éxito. Este ano agardamos superar o milleiro de participantes.

—Ata cando van esperar para decidir se se poderá saír ou non pola choiva?

—O xoves —por mañá— está convocada a xunta de seguridade e tomaremos unha decisión. Con moita choiva non se pode facer, principalmente porque van moitos nenos pequenos e a destreza é importante se o chan está mollado.

—De non poder facerse, mudaría a data ou cancelaríase?

—En principio mudaríase a data, seguramente para o seguinte domingo porque logo xa parece moi tarde. Esperemos que haxa sorte e non teñamos que cambiar os plans.

—Non valoran mudar o Día da Bicicleta a outra época do ano?

—O ideal sería no verán, claro, pero hai moitas actividades todas as fines de semana e non queremos que se pisen. O Día da Bicicleta é un evento que chama moito á veciñanza e queremos que teña o seu día, só para iso. Para o vindeiro ano trataremos de buscar unha data máis próxima ao verán.

—A seguridade é primordial.

—Esta é unha cita na que participan familias enteiras e a seguridade claro que é o primordial. O circuíto, duns 14 quilómetros, non ten costas nin curvas e é sinxelo. Aínda así, se xa en seco pode haber algunha caída pequena... Hai que garantir a seguridade porque veñen moitísimos nenos.

—E tamén pasalo ben.

—Por suposto. Esperemos que sexa un gran día para os veciños e animo á xente a que se anote e participe, que incluso pódeno facer o propio día na praza de Galicia antes da saída.

—O que está claro é que a bicicleta cada vez ten máis adeptos.

—Moita xente anda en bicicleta en Boiro e o Día da Bicicleta pon en valor que, ademais de deporte, tamén pode ser un medio de transporte, e cada vez máis persoas a usan para ese fin.

—E para promover o uso deste vehículo constrúense carrís específicos, van facer máis?

—Desde o 2019 fixemos algún quilómetro de carril bici e estamos traballando para facer máis. Hai proxectos que están en proceso de contratación. Estamos tratando que nesas zonas onde se fan beirarrúas e se anchean as estradas tamén se inclúa o carril bici. Cando estea completo, poderase ir de Escarabote a Cabo de Cruz por carril bici ao carón da costa.