Clodio González: «Coñecer o patrimonio debe ser un motivo de orgullo»

LOUSAME

González mergúllase con frecuencia nos tesouros que agocha o Museo do Pobo Galego.<span lang= es-es > </span>
González mergúllase con frecuencia nos tesouros que agocha o Museo do Pobo Galego. xoán a. soler< / span>

Elaborou un volume sobre os bens arquitectónicos, históricos e artísticos do municipio de Lousame

03 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días vía a luz en Lousame un libro sobre o patrimonio arqueolóxico, histórico, artístico e arquitectónico do municipio. Detrás do arduo proceso de investigación que deu pé a este interesante volume está Clodio González, a persoa que exerce de coordinador das publicacións da editorial Toxosoutos.

 

-¿Como xurdiu a idea de elaborar este libro?

-Xa hai uns anos, publiquei senllos libros sobre o patrimonio de Brión e de Rois, e tamén teño un amplo volume sobre a historia de Noia e o seu cemiterio. Lousame queda no medio destes municipios, polo que as fontes son as mesmas. O que fixen foi unha especie de inventario do patrimonio artístico deste territorio.

 

-¿Levoulle moito tempo a recompilación de datos?

-Eu empecei con este traballo hai xa anos, nunhas xornadas que se celebraron en Noia sobre a historia da zona. O meu relatorio era precisamente sobre o patrimonio de Lousame. Ese foi o comezo deste libro.

 

-¿Que pensa que lle pode aportar aos veciños este volume?

-Penso que coñecer o patrimonio debe ser un motivo de orgullo para os veciños, polo que é moi interesante difundilo. Hai datos históricos de gran relevancia, como por exemplo a importancia que no pasado tiveron as minas de San Fins, onde chegaron a traballar mil persoas, ou as papeleiras. Hoxe Lousame é un municipio rural, pero a finais do século XIX era industrial e mineiro.

 

-¿Atopouse con algunha sorpresa durante o proceso de elaboración deste volume?

-A principal foi o descubrimento da igrexa románica de Camboño, que non aparece nos inventarios que hai en Galicia sobre ese período. Penso que é a que máis parte románica conserva da zona.

 

-¿Como é, en liñas xerais, o patrimonio de Lousame?

-É sobre todo eclesiástico. Hai que ter en conta que alí houbo un dos grandes centros monásticos, San Xusto de Toxosoutos. Foi un mosteiro con moitas propiedades.

 

-¿Ten algún proxecto entre mans na actualidade?

-Agora mesmo estou cun traballo exhaustivo sobre unha parte alta da montaña dos Ancares. Sobre esa zona teño xa varias publicacións. Alí, traballamos en equipo, centrándonos en aspectos como a arquitectura e o medio de vida.

 

-E para Barbanza, ¿ten algún proxecto ou algún traballo que lle gustaría levar a cabo?

-Teño un traballo entre mans, pero para máis adiante. Un dos aspectos que me gustaría tratar no futuro é o da cultura inmaterial, a tradición oral. Penso que iso sería moi interesante, sobre todo porque cada vez queda menos xente que poida dar conta daquelas foliadas que deixaron de celebrarse na década dos 60.

 

-Como responsable das publicacións en Toxosoutos, ¿como ve o sector?

-Xente que pretenda publicar hai, o problema é vender, sobre todo en galego, pois o público é máis reducido. Aínda que penso que se manterán durante moito tempo, os libros en papel van ir a menos.

clodio gonzález

escritor