Veiras non renega do pasado, algo imposible no mundo da arte, senón que o adapta e asimila en función do seu propio estilo persoal
31 ene 2024 . Actualizado a las 05:05 h.De Lousame a Nantes pasando por París, da pintura á litografía pasando polo cómic, dende a ilustración á poesía, dende o xornalismo á televisión, dende a figuración á abstracción, este picheleiro habitante de Lousame e do mundo colga obra de seu en grandes museos e coleccións particulares de gran parte de Europa. Vieiros vai acompañada dun estoxo da obra gráfica de Veiras, ilustrada polo propio autor, nunha edición única e limitada a 30 exemplares, certificada e rexistrada en Boiro no protocolo de José Prieto Luengo, notario do Ilustre Colexio de Notarios de Galicia.
Cualificado como figurativo e abstracto, posimpresionista e expresionista, neo (pos)cubista e informalista, minimalista e naíf, de todo ten e tivo segundo o momento vital e histórico percorrido. Neste intre, en Vieiros (Museo do Gravado de Artes) podemos contemplar o Veiras Manteiga que, superadas as etapas máis eclécticas, ofrécese xa como un artista esencialista, máis cerca da pregunta escéptica ca da resposta reconfortante.
Veiras non renega do pasado, algo imposible no mundo da arte, senón que o adapta e asimila en función do seu propio estilo persoal, e a el regresa con esta mostra caracterizada pola xeometrización das formas e das imaxes presenciais, enerxéticas, continuas, xa liberadas da rixidez cubista mercé ao uso dunha poderosa enerxía instintiva e xestual cada vez máis presente na súa práctica cotiá, de raizame manierista, subxectiva e romántica. E a isto chega a través dunha pincelada farturenta, matérica e dilatada que crea imaxes planas, carentes de profundidade espacial, perspectiva e modulación volumétrica, entre as que predominan a paisaxe e as formas antropomorfas.
Todo para afluír, dende unha radical liberdade expresiva, nesa inmensidade visual e sensible que é luz e cor confabuladas, que nos retrotraen ao eido fauvista das cores puras, disonantes, estridentes e arbitrarias, afastadas da mera representación do real, propias xa do posimpresionismo. Cromatismo de inspiración mediterránea pero cos trazos opulentos dunha forte marusía fisterrá, que Veiras converte en suxeito e obxecto da súa pintura ao rexeitar o «simulacro ilusionista» da imaxe sensible, isto é, da representación mimética, así coma da forma acabada e do detalle. No estreito bordo do perceptible e do connotado.
De vello sabemos que a arte debe ser innovadora. Derrida afirma que «a arte non se predí segundo ideas preconcibidas: simplemente se manifesta». E mentres algoritmos robots tipo Botto non nos substitúan, a obra seguirá a ser irracional, equívoca, refractaria a unha soa idea ou única interpretación e, por tanto, inmensamente alegórica. A arte non só comunica senón que, e sobre todo, significa en si mesma como forma e cor: de aí a súa polisemia irredutible.
Estamos a falar de José Luís Veiras Manteiga, un artista que nos axuda a profundar na poética do enigma que toda obra de arte enmascara. E da súa revelación.