Lousame reivindica a Zernadas de Castro como precursor do galeguismo e pide que se lle dedique o Día das Letras
LOUSAME
O adro da igrexa de Fruíme foi escenario da tradicional homenaxe ao escritor
18 may 2024 . Actualizado a las 16:36 h.Como cada ano, o Concello de Lousame aproveitou o Día das Letras Galegas para renderlle homenaxe a Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme, coa tradicional ofrenda floral. Porén, este ano o acto tivo tamén unha vertente reivindicativa coa que se puxo en valor o seu papel como precursor do galeguismo e se volveu insistir en que se lle dedique un 17 de maio.
A homenaxe organizada polo Concello coa colaboración da asociación de veciños levouse a cabo este sábado no canto do propio Día das Letras Galegas. Previamente, os cativos de Lousame tiveron a oportunidade de participar nunha serie de obradoiros culturais, e a iso das 13.00 horas levouse a cabo a ofrenda floral diante do busto de Zernadas de Castro no adro da igrexa de Fruíme.
Tamén se inaugurou unha exposición arredor da figura do cura e a súa obra, unha mostra formada por unha serie de paneis informativos que reivindican al párroco de Fruíme e escritor como «o primeiro precursor do galeguismo». Así o afirmou a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, durante os actos conmemorativos, ao tempo que lembrou que «en plenos Séculos Escuros, a duras penas se contan cos dedos dunha man os sabios ilustrados de calquera campo que floreceron no noso país: Frei Martín Sarmiento, o Pai Feijoo, Zernadas, José Cornide e pouco máis».
Nos paneis que compoñen a exposición explícase como a defensa apaixonada de Galicia aparece recollida en boa parte dos escritos, tanto en prosa como en verso, do cura lousamián. Na mostra ponse de relevo que Zernadas foi «un namorado orgulloso da súa terra, defensor sen concesión da súa cultura», e fíxoo sen descoidar aos fregueses da súa pequena aldea. De feito, sinálase que foi el quen introduciu o cultivo do millo en Fruíme e ensinou aos seus veciños da cultivalo.
Para pechar os actos conmemorativos, a Asociación Cultural O Son do Pote levou a cabo unha actuación musical, mentres a asociación de veciños Cernadas de Castro repartiu rosca entre o medio cento de persoas que asistiron á homenaxe.