O técnico do Mazaricos feminino aposta por crear un oco para que as rapazas do municipio tamén poidan gozar co deporte rei
29 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Todo comezou cun cartel que se difundiu por Mazaricos e as redes sociais. Detrás del estaban José Ángel Carreira, Borja Sueiro e Iván Baña, promotores e adestradores do primeiro equipo de fútbol feminino do municipio. Hoxe, unha realidade que xa planifica o asalto da liga de fútbol-11 para a próxima tempada.
-Como comezou o proxecto?
-Foi algo que arrancamos Borja Sueiro, Iván Baña e unha amiga miña de toda a vida, Graciela. Ela estaba xogando no Tordoia e preguntámoslle se lle gustaría facer un equipo feminino. Miña irmá e as súas amigas tamén xogaban. Eran bastantes rapazas e decidimos darlle para diante. Puxemos carteis por Mazaricos e apuntáronse 25 persoas.
-Dito así parece sinxelo.
-Tivemos varios medos, o principal que, ao ser o primeiro ano, a xente marchara ao chegar o inverno. Pero, a día de hoxe, un martes veñen 15 rapazas a adestrar e os venres son unas 18.
-Xa lle gustaría a moitos.
-E iso que moitas estudan fóra, a maioría en Santiago, pero veñen a adestrar igualmente. Os adestramentos son unha marabilla.
-Como valora estes meses?
-As xogadoras melloraron moito. Ao principio custábanos moito que nos entenderan, pero co tempo foron medrando. Estamos adestrando con seriedade e a verdade é que o crecemento é unha animalada. Hai moita diferenza entre elas, porque hai algunhas que xogaran antes. Coa chegada de Tamara, que vén do Fisober, demos un salto moi grande. Graciela, Lucía e ela eran as únicas que xa xogaban.
-Para moitas será o seu debut.
-Exactamente, é a primeira toma de contacto. A vantaxe que temos é que contamos con oito cadetes, que teñen uns 15 anos. A máis veterana ten 27. No vestiario hai moi bo ambiente, as maiores son referentes para as pequenas.
-E o obxectivo cal é?
-Que se inicien. Metémonos en fútbol sete para unha primeira toma de contacto. Para o ano gustaríanos dar o salto ao fútbol-11. Somos un concello pequeno. O tema de desprazamentos é o que máis se nota, porque temos rivais lonxe e se cambiamos será máis complicado. Pero intentarémolo, aínda que necesitaremos unha plantilla máis longa.
-E que fútbol queredes facer?
-Estamos cambiando dependendo dos rivais. Ao principio repregábamos atrás, pero a partir deste ano buscamos tocar máis, que se fagan co balón, que o pasen ben. Non tiñan tanto costume, pero co paso dos adestramentos queremos saír coa bola.
-Van sextos clasificados, parece que as cousas están saíndo.
-Estamos competindo contra equipos que xa levan máis ca nós nisto. Hai que agradecer aos patrocinadores e ao Concello que nos axuden, se non sería imposible. Temos xente no campo. Ninguén contaba con isto, dicíannos que iamos quedar últimos, pero agora ven que as cousas van para diante e involúcranse.
-E como ve o fútbol feminino pola súa zona?
-Hai que ter en conta o impulso que lle deu Fran [Figueroa] coas Miúdas. Tamén está Rafa, no Cee, que ten un equipazo. Véxoo bastante avanzado e, a pesar de que non hai tantas rapazas, ao compararnos cos equipos de Santiago vexo que o nivel é o mesmo.
Cortiña e ao pé
Un xogador: Luka Modric
Un estadio: Bernabéu
Un gol: El de Zidane en la final de Champions de 2002
Un técnico: Quique Setién
Un ídolo: Iker Casillas
Unha película: A saga de A todos gas
Un lugar: Mazaricos, As Pozas da Noveira
Unha comida: Un bo chuletón
Un soño: Chegar a ser adestrador nunha categoría importante
Un equipo de lenda: O Madrid dos galácticos
Un deporte que no sexa o fútbol: Ralis
Unha canción: Tusa, de Karol G y e Nicky Minag, que estes días as rapazas póñena en tódolos adestramentos