Finou Guillermo Lourido, que viveu e morreu coa súa inseparable gaita

Xoán R. Alvite RIBEIRA / LA VOZ

MAZARICOS

Guillermo Lourido
Guillermo Lourido Alvite

O músico de Mazaricos deixara dito que o enterraran con ela: «Nunca se sabe o que fará falta no outro lado»

05 jun 2025 . Actualizado a las 10:18 h.

A Guillermo Lourido, como deixara dito, enterrárono coa súa gaita. Un instrumento que o acompañou durante boa parte dos seus 93 anos de vida e co que repartiu alegría e música polas festas de media Galicia

«Incluso durante a emigración en Austria, Alemaña ou Suíza, a gaita foi sempre a miña compañeira inseparable. Outros ían para as tabernas, pero nós preferiamos facer romaría nalgún parque ou nalgunha casa. Cando estás fóra da túa terra, parece que a gaita aínda soa mellor», comentaba un emocionado Guillermo Lourido fai agora seis anos nas páxinas deste periódico con motivo dunha reportaxe.

A mesma emoción coa que onte o despediron os seus veciños de San Cosme de Antes, a parroquia de Mazaricos onde naceu e onde era moi apreciado.

Traspasar fronteiras

Moitas demostracións dun cariño sincero que, coma a súa música, traspasou fronteiras e xeracións. «Para nós era un referente, un gaiteiro dos auténticos, alguén irrepetible»comentaban Ángel e Martiño, dous mozos que coa gaita e o tambor tamén quixeron mostrarlle o seu respecto interpretando os acordes do himno do antigo reino de Galicia.

Unha peza que, coma as outras 80 ou 90 que aseguraba «ser capaz de interpretar unha detrás da outra, sen repetir ningunha» aprendera de oído tocando polos centos e centos de romarías, vodas ou foliadas ás que non adoitaba faltar. «Non sei de música, pero sempre lle puxen interese e moito sentimento ao que fixen, e para a gaita iso é o principal», repetía sempre.

O último paseo de Guillermo por debaixo do carballo centenario do adro da súa igrexa foi xusto como a el lle gustaría: acompañado da súa familia e dos seus moitos amigos . Por suposto, coa música da gaita rompendo o silencio e provocando bágoas de emoción entre os que non quixeron faltar na despedida dun home bo e dun gaiteiro moi querido en Mazaricos.

«Cando deixe a gaita xa será cando vaia para o outro lado. De feito, xa deixei dito que quero que me enterren con ela, porque nunca se sabe o que fará falta no outro lado», dixo no seu día.

Os seus cumpriron e a gaita xa o acompañará para sempre. Nesa foliada eterna na que nunca faltan os bos gaiteiros.