Diluvio cultural en Muros co Mes das Letras e a mostra teatral Xosé Agrelo

M. X. B.

MUROS

cedida

Entre as actividades programadas figura unha conferencia de Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega

06 may 2025 . Actualizado a las 13:37 h.

Muros vivirá este mes un auténtico diluvio cultural. Á programación deseñada polo Concello para festexar o Día das Letras Galegas súmase unha nova edición, a décimo sétima, da mostra de teatro Xosé Agrelo. Nas presentación de ámbolos dous programas, a alcaldesa, María Lago, e as concelleiras de Cultura e Ensino, Caridad González e Laura Rivadeneira, destacaron a variedade de propostas e a importancia que ten nelas a reivindicación da lingua.

Entre as citas destacadas do Mes das Letras figura a ofrenda que o 17 se lle tributará na alameda de Esteiro a Xosé Agrelo, un acto organizado pola asociación O Xeito. A xornada rematará cunha foliada na praza do Mercado, impulsada por Praia do Castelo. Tamén é reseñable a conferencia que este mesmo xoves (fábrica de Sel, 20.00) impartirá Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, sobre os falares e cantares muradáns.

A maiores, a programación deseñada polo 17 de maio inclúe representacións teatrais, as actuacións musicais de Brais das Hortas (día 13) e Mamá Cabra (día 17) e presentacións literarias. Alexandre Senande falará o 16 do seu libro Sentinelas no limiar das tebras, mentres que Roberto Mera recalará o 30 coa súa obra sobre Alejandro Viana.

En canto á Mostra de Teatro Xosé Agrelo, o ciclo comezará este xoves da man de Trémola, que ofrecerá unha sesión de contos na Galiña Azul de Esteiro. O resto de funcións, unha ducia, repartiránse entre outros centros educativos do municipio e auditorios abertos ao público en xeral. O Grupo de Teatro Terra de Outes, Aquelando Teatro, Talía, Charo Pita e Fantoches Baj son algunhas das compañías que participan nesa ocasión na mostra.