O BNG propón incluír no orzamento da Xunta investimentos para Muros e Noia por valor de 28 millóns
MUROS
O desdobramento do corredor noiés, a rexenaración da ría e obras en saneamento, as principais reivindicacións
21 nov 2025 . Actualizado a las 20:47 h.O BNG vén de presentar unha serie de enmendas ao proxecto de orzamento feito público polo Executivo autonómico que implican a realización de investimentos por valor de 28 millóns de euros na comarca de Muros e Noia. A formación argumenta que se trata dunha zona que segue a ter un déficit de infraestruturas e de servizos clamoroso, ao que lle engade demandas xa cronificadas das que depende en gran parte o futuro económico e social da comarca.
Entre as demandas expostas figuran o desdobramento do corredor entre Brión e Noia, como actuación fundamental para vertebrar a comarca, e a rexeneración da ría. Neste sentido, o BNG presentou dúas emendas xerais para o 2026, por un total de 24 millóns de euros, para a súa recuperación e para a investigación das causas da perda de produtividade das rías galegas. A maiores, exixe unha partida de máis de seis millóns de euros para o saneamento, incluíndo actuacións como o desenvolvemento do plan director de Noia, a mellora do saneamento en Outes, o saneamento integral dos núcleos do Camiño de Santiago en Mazaricos (2,3 m. e.) e o saneamento nos lugares de Baño-Laxeiras, en Serres (Muros). Sobre esta actuación, a rexedora local, María Lago, explicou que «é de vital importancia pola súa influencia directa sobre o banco marisqueiro da Virxe do Camiño, o máis importante do noso concello».
No que á rede de estradas se refire, o BNG solicita o investimento de cinco millóns de euros na AC-550 ao seu paso polo concello de Outes, para o seu arrranxo integral e para a mellora da súa seguridade, así como para o acondicionamento da avenida de Fisterra, «comprometido hai 10 anos pola Xunta».
Entre as demandas realizadas pola formación figuran tamén a consignación de dous millóns de euros para a planta de Servia, e a construción do parque empresarial de Porto do Son, actuación para a que se solicitan cinco millóns. Como actuacións menores pero necesarias, o BNG cita a creación de vivenda pública en Outes e Noia, a posta en marcha dunha escola infantil pública en Noia e a mellora dos dous colexios de Mazaricos. Completa a relación de necesidades coa construción do centro de interpretación do Castro de Baroña, a execución da segunda fase da rehabilitación do Cine París de Muros, a creación do museo de laudas gremiais noiés e a mellora das instalacións deportivas de Porto do Son.
«Agardamos que no debate parlamentario das emendas aos orzamentos do ano 2026, estas propostas sexan tidas en conta, porque a ría de Muros e Noia, especialmente algúns dos seus concellos, levan anos agardando unha mellora nas súas infraestructuras e servizos. Non é xusto este reparto que fai o PP da Xunta de Galicia dos impostos de todos os galegos, favorecendo a uns concellos por riba de outros por intereses partidistas, en vez de con un criterio obxectivo e igualitario, sinalou a parlamentaria nacionalista Rosana Pérez.