Vidas

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

NOIA

O FIADEIRO | O |

18 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

CANDO FALEI sobre Lorenzo Varela na Casa da Cultura de Lousame o pasado 17 de maio, díxenllelo a quen me escoitaban: a publicación Lousame a través das nosas vidas (2005) tamén contribúe humildosamente á dignificación das letras (e das vidas) galegas. É o froito dun obradoiro de memoria e Historia viva, coordinado por Ana María Freire Cabo, unha moza de Negreira, educadora social, entusiasta co seu fermoso traballo. O Concello e a Deputación coruñesa subsidiaron a edición destas historias, nas que son protagonistas dezasete persoas maiores; mulleres (15) e homes (2). Todos veciños desta terra rural e montañosa, deste Lousame furado pola memoria mineira, que mira ó mar de Noia. E todas e todos nun abano de idades entre os 64 e os 85 anos. Nos seus relatos aluden á infancia -nenos na aldea, xogos, escola-, á casa, ós oficios, ó imaxinario popular, á emigración. Con fotos vellas, en branco e negro. Rematan cun «E agora... o noso presente», inserindo retratos e fichas individuais con fotos-carné dos autores, a cor. Parabéns para o equipo enteiro, que argallou este puzzle de vidas tan xeitoso. «Quixemos darlle unha homenaxe a estes momentos vividos, mais tamén ó que nos queda por facer», escribiron.