Maxi Olariaga asegurou que os noieses son os refundadores do mundo

La Voz

NOIA

Desde o balcón da casa consistorial, o escritor díxolles aos veciños que deben estar ledos por residir na vila máis antiga

23 ago 2007 . Actualizado a las 10:31 h.

Chechu López | Os festexos de San Bartolomeu xa comezaran tres horas antes polas rúas e prazas de Noia, pero os cativos e os maiores fixeron unha pausa silandeira para escoitar ao pregoeiro, Maxi Olariaga. O escritor recorreu a senllos fragmentos dos capítulos 6 e 8 do libro da Xénese para lembrar a lenda na que se fai referencia a que Noé foi o pai, o fundador da vila noiesa. «Noé varou en Noia hai case sete mil anos e os noieses somos os seus fillos, os refundadores do mundo. ¿Acaso non merecemos ser donos diste soño?», sinalou o poeta no seu intento de animar aos seus cidadáns a sentirse orgullosos de ser o pobo máis antigo do mundo, unha verdade que chamou «noelidade».

Despois de narrar o acontecido coa arca e os animais que nela ían, Olariaga referiuse ao episodio da pomba que non volveu a Noé e da que Rafael Alberti dixo «se equivocó la paloma, se equivocaba». «Ben se ve que o poeta non era noiés. Non errou a pombiña, senón que soubo moi ben que facer cando atopou os castiñeiros, as oliveiras e os carballos que limitaban a nosa terra coa mar atlántica. Deseguido coñeceu onde aniñar co seu amante, onde amar, onde criar fillos e prolongar neles a súa vida. Diso aprendeu Noé», precisou o pregoeiro.

Maxi Olariaga engadiu que o patriarca deixounos esta terra «e nós temos a obriga de deixarlla aos nosos fillos. Onde vaiades decide que sodes fillos de Noé... Só Noia, só nós temos esa honra». Por todo iso, animou aos forasteiros e aos noieses a gozar da festa con sentido e vivir cada hora como se fose a derradeira. «Bebede, comede, bailade, amade e durmide ata que as bombas e a música vos esperten do sono merecido», agregou.

Non puido evitar o pregoeiro facer referencia ao feito de que este ano non haxa corridas de touros nas festas, e defendeu a idea que o goberno local -presente no acto- ten de que ningunha criatura está no mundo para ser aldraxada, torturada e sacrificada para distracción dos seres humanos, e que a noelidade nada empobrece polo feito de que non haxa corridas de touros. «O sangue derramado por divertimento chama ao sangue da vinganza. Non quixera eu, nestes días, facer o contrario do que Noé fixo. Eu estou por salvar a todos os animais da tortura e a morte inxustificada. Iso fixo o patriarca porque sabía que serían necesarios na terra e na vida nova que estaba por vir cando as augas devalaran», engadiu o pregoeiro.

Verdade

Maxi Olariaga lembrou a María Mariño, Felipe de Castro e a Antón Avilés de Taramancos, aos que cualificou de «fachos incombustibles da noelidade . Sigamos o ronsel no que eles viviron. Non se trata de ser os mellores, a cuestión é ter conciencia de ser quen somos, o pobo, a vila, a alma máis antiga do mundo», puntualizou.

E rematou a súa alocución invitando aos presentes a desprezar a envexa, a soberbia e a mentira, e a abrir a porta á verdade máis modesta, «aquela que reflicte o ollar dos nosos veciños se nos miramos con respecto nos seus ollos. A humilde verdade na que se consuma a certeza da noelidade», matizou Maxi Olariaga.