María Mariño Carou, cuarta dos cinco fillos de Filomena Carou Lado, xastra, e de Xosé Mariño Pais, zapateiro, naceu en Noia o 8 de xuño de 1907. A súa infancia está marcada pola pobreza, o abandono temperán da escola, inacabada a súa formación, e o traballo. Logo veu o peregrinar por camiños non sempre escolleitos por ela: á periferia de Bilbao onda a irmá, atrás da familia a Escarabote, á emigración prolongada en Euskadi, e canda o seu home, mestre, primeiro a Euskadi e logo ao Courel (1946, Romeor e Parada), onde viviría ata a fin dos seus días. Comeza a escribir contra 1957. Debeu de ser decisiva a amizade de Novoneyra, que coñeceu no Courel en 1953; el foi o seu mentor e divulgador máis entusiasta. O primeiro poemario en galego, Palabra no tempo, contén sobre todo evocacións, vivencias... O segundo, Verba que comeza, escrito no derradeiro ano da vida, está marcado por un intenso desacougo ante a inminencia da morte. «M. M., noiesa do Courel»: desde os altos cumes do Courel, a poeta, envolta na natureza conmovente da montaña, evoca soidosa a vila mariñeira. Mesmo a súa lingua foi de base fondamente noiesa ata o final. «M. M., dinamiteira da fala»: a poeta ten un estilo peculiar que navega nos lindeiros da gramaticalidade e mesmo ultrapasa esa fronteira. No dicir de Novoneyra, «preme, rompe, comba, bate a sintaxe tradicional». Mais destrúe para recrear: recolle os anacos e forxa unha nova forma lingüística ao servizo desta poesía intimista.
* Obra
-Palabra no tempo, 1963
-Verba que comenza, 1990 [estudo por Carmen Blanco]
-Más allá del tiempo. O libro inédito de 1965, 2007 [edición de Helena González]
María Mariño
*Noia, 1907
*O Courel, 1967