
A rexedora admite que a súa chegada á alcaldía foi «algo inesperado»
22 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Os demais alcaldes superaron neste 2013 o ecuador do mandato, pero o caso da rexedora de Lousame, Teresa Villaverde, é ben distinto porque hai pouco máis dun ano que asumiu o cargo tomando o relevo do hoxe deputado Santiago Freire. Explica que foi un reto para ela e que o asumiu con toda a responsabilidade, e polo momento móstrase satisfeita do traballo realizado pese a que, co aumento das súas obrigas no Concello, anda sempre con présas. E nin así consegue levar a cabo todos os proxectos pendentes. Pero lévao con calma, consciente de que as cousas non se fan dun día para o outro e de que é preciso establecer prioridades.
-Tivo que asumir a alcaldía dun xeito un tanto repentino, ¿como foi o paso de concelleira a máxima responsable do goberno?
-Foi algo inesperado, pero afronteino con ilusión e tamén con moitísimo compromiso. É un orgullo ser alcaldesa do teu municipio, pero sentes unha gran responsabilidade porque queres cumprir coas expectativas que a xente deposita en ti, máxime cando eu non era a persoa que encabezaba a lista.
-¿Fíxoo máis difícil o feito de substituír a unha persoa tan consolidada coma Freire?
-Non, eu tomeino coma un reto persoal para cumprir o que se espera de min, e ademais son a primeira muller que chega á alcaldía e quero facelo ben para desterrar os prexuízos que aínda poidan existir.
-¿Pesa moito esa responsabilidade da que fala?
-Eu creo que está equilibrada coa ilusión, e deben estalo porque ambas son necesarias, sobre todo nestes momentos nos que hai que priorizar os proxectos.
-¿Está satisfeita con estes meses á fronte do Concello?
-O inicio foi moi duro, sobre todo a raíz do que pasou co tesoureiro, pero creo que fixen o que tiña que facer aínda que foi difícil, pola situación e porque se trata dun veciño do concello. A responsabilidade ten que ser o que che leve a actuar e neste caso foi así, nunca me perdoaría non ter denunciado o caso do tesoureiro.
-¿Como está agora ese asunto? ¿Houbo novidades?
-Dos 237.000 euros desfalcados devolveuse unha parte. No verán chamounos o Tribunal de Contas, que declarou ao extesoureiro responsable contable único e íase proceder ao embargo para recuperar o resto dos cartos, e xa non soubemos nada máis. Pola nosa parte, seguimos coa auditoría. Esperamos que isto se peche dunha vez e que volvan os fondos a onde tiñan que estar, que é ao servizo dos veciños. E logo agardar e acatar o que diga a Xustiza, por suposto.
-No que respecta estritamente ao ámbito municipal, parece que o asunto está xa pechado coa designación doutra persoa para asumir as tarefas de tesourería.
-Si, polo menos normalízase a situación porque estes meses foron moi complicados, tamén a nivel administrativo. Foi un quebracabezas.
-Dicía antes que o comezo foi moi duro, pero ¿que destacaría dos meses seguintes? ¿Está conforme co traballo feito?
-Si, conseguimos abrir e xestionar o centro de día, que segue captando usuarios; acometemos melloras nas infraestruturas viarias; seguimos priorizando a actividade cultural e os servizos sociais; mantemos os programas de conciliación, e tamén continuamos coas actividades deportivas, intentando que Lousame, polas súas condicións xeográficas, sexa un referente.
-¿Axudou a isto que di o Multivoz? ¿Cre que serviu para promocionar Lousame?
-O que fixo Multivoz foi darlle visibilidade ao que xa se viña facendo en Lousame na área de Deportes. Supuxo un esforzo porque veu moita xente e xuntáronse moitas actividades nun día, pero se iso serve para que se coñeza paga a pena o esforzo.
-¿Queda moito por facer en materia turística?
-Creo que nesta comarca, e na ría de Muros-Noia en particular, teremos que facer un traballo conxunto para dar a coñecer unha zona tan rica, con tanto potencial turístico pola súa beleza, polo seu patrimonio arquitectónico, cultural, industrial e etnográfico e tamén pola súa oferta de ocio. Isto podemos facelo xuntos, unha oferta atractiva ten que ser conxunta, non individual.
Teresa Villaverde Alcaldesa de Lousame