Os nenos de Noia conmemoran o mes das letras con versos

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

NOIA

marcos creo

Dez rapaces concorreron ao certame de poesía promovido pola área de Cultura

09 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a corentena impide a celebración dos tradicionais actos culturais que sempre tiñan lugar en Barbanza neste mes de maio, en Noia xa se está a conmemorar o Día das Letras Galegas. A través das redes, o departamento de Cultura difunde os traballos dos dez nenos que concorreron ao certame Letras na casa. Son os autores dos versos os que os recitan en pequenos vídeos.

O obxectivo da Concellería de Cultura era levar a cabo un acto de entrega de premios o mesmo día 17, pero se non é posible reunir aos participantes nunha videoconferencia, difundirase a identidade dos gañadores a través das redes. As bases establecen catro premios, que consistirán en vales de compra de entre 20 e 120 euros para gastar nas librarías da vila, sumando un total de 270 euros.

Cultura de Noia tamén tiña previsto conmemorar a vindeira semana, no marco dos actos das Letras Galegas, o 25.° aniversario da apertura da casa de cultura, actividades que serán aprazadas.

Polo 17 de maio, o Concello de Noia viña facendo a entrega do premio do concurso de relatos Antón Avilés de Taramancos. Nesta ocasión, como tivo que suspenderse o prazo fixado inicialmente para a presentación dos traballos, aínda será posible enviar novas obras. Teñen que ser relatos de entre 70.000 e 100.000 caracteres. O gañador farase cun galardón de 3.000 euros en metálico e unha escultura conmemorativa de Alfonso Costa.

Non está establecido polo de agora o límite para a recepción dos traballos.