O escritor Francisco Rozados gaña o certame de relatos Antón Avilés de Taramancos coa obra «Niscoventa»

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

Francisco Rozados, gañador do premio Antón Avilés de Taramancos
Francisco Rozados, gañador do premio Antón Avilés de Taramancos cedida

Os membros do xurado destacaron que a lectura do texto resultou «moi agradable»

25 dic 2021 . Actualizado a las 18:15 h.

Esta semana deuse a coñecer o nome do gañador dun dos certames literarios máis prestixiosos da comarca, o Antón Avilés de Taramancos. O escritor Francisco Rozados inscribiu o seu nome no palmarés do concurso noiés, que acadou a súa vixésima edición, coa obra Niscoventa. O edil de Cultura de Noia, José Pérez, foi o encargado de anunciar o veredicto do xurado.

Niscoventa relata a historia dun fuxido nos primeiros anos do franquismo. Xoga coas liñas temporais e está composto por «fermosas pasaxes poéticas, o que fai máis agradable a súa lectura», apuntan desde o Concello noiés. O escritor, natural da localidade pontevedresa de Forcarei, participou no concurso baixo o pseudónimo de Canteiro. A Rozados comunicóuselle vía teléfono a decisión do xurado durante o acto no que se deu a coñecer o nome do gañador, e foi felicitado polos presentes.

Os membros do xurado destacaron que a lectura do texto resultou «moi agradable», sendo unánime a decisión de nomear a Francisco Rozados como vencedor do certame. Os encargados de facer a elección entre as obras participantes foron o alcalde de Noia, Santiago Freire, como presidente de honra; o codirector da revista Casa da Gramática do IES Virxe do Mar, Xavier Castro Rodríguez; os profesores e escritores Xerardo Agrafoxo, Antonio Piñeiro e Pedro García Vidal; e a técnica do departamento de Cultura Concepción Allut, que actuou como secretaria.

O premio está dotado con 3.000 euros e unha escultura do artista noiés Alfonso Costa, e inclúe a publicación da obra.