A última borrasca que tivemos en Galicia levou consigo tres dos nosos cruceiros
03 feb 2025 . Actualizado a las 22:30 h.A última borrasca que tivemos en Galicia, bautizada como Herminia, levou consigo tres dos nosos cruceiros, o de Eiroa (Noia), o de Botafal (Dodro) e o de San Roque (Viveiro). Non é a única borrasca que estraga o patrimonio galego, recordemos que a Hortensia botou abaixo o hórreo en ele máis longo do mundo, en Gondaríz (Lalín) e xa non se recuperou máis.
Agardemos que os tres cruceiros damnificados sexan reparados canto antes e se faga con todas as garantías de conservación e restauración do patrimonio. Cando hai unha desgraza cos bens culturais, quen se ten que facer cargo da súa reparación é o propietario, acorde coas directrices marcadas dende Patrimonio, e faranse os traballos por parte de persoas especializadas, conservadores e restauradores de patrimonio, que estudan na escola universitaria que temos en Pontevedra.
Salvo aqueles que estean dentro dunha propiedade privada ou dentro do ámbito dun templo, no seu adro por exemplo, os cruceiros están situados nos espazos públicos e son propiedade do pobo. Recordemos que foron levantados ás beiras dos camiños ou en encrucilladas, lugares nos que ás veces existían cultos pagáns á natureza, houbo unha desgraza ou se cometeu un pecado declarado.
Moitas veces, esa localización é un problema co tráfico actual, pois hai que ter precaución para non agredilos, pero os cruceiros non se deben mover, como di Ana Filgueiras, porque é separar o material do inmaterial, da alma e da memoria.
É responsabilidade dos concellos o seu mantemento por seren bens públicos. Tamén a súa restauración.