Isma Samartino, capitán do Burela FS: «Temos que saber quen somos e de onde vimos»

Iván Díaz Rolle
IVÁN ROLLE BURELA / LA VOZ

NOIA

XAIME RAMALLAL

Chama a manter humildade e traballo este domingo para dar «un paso enorme» á permanencia no derbi galego de Primeira fronte a un Noia en apuros

14 mar 2025 . Actualizado a las 21:11 h.

Non só o brazalete fai a Ismael Samartino Obarrio (A Fonsagrada, 1991) capitán do Burela FS. É o máis veterano do conxunto laranxa e practicamente unha prolongación do seu adestrador, David Rial, dentro da cancha. Exerce de líder defensivo e tamén ofensivo —con seis goles iguala a Rikelme e Juninho— dun equipo que pode dar un paso case definitivo cara a permanencia na Primeira División de fútbol sala no gran derbi galego contra o Noia Portus Apostoli no Agustín Mourís (domingo, 13 horas. FEF TV).

—Vívese con menos intensidade a semana de derbi cando un xa ten unha experiencia?

—Sempre hai uns partidos máis especiais que outros, pero, cando xa tes unha experiencia e xogaches moitos, todo é máis lineal a nivel anímico. Estás máis tranquilo, afrontalo co obxectivo de gañar, como calquera outro, pero un puntiño especial sempre o ten.

—O Noia chega máis necesitado.

—Si, obviamente eles xóganse moito máis. É certo que nós xa temos un marxe, pero non podemos confiarnos, debemos seguir sumando puntos. O Noia vén nunha gran dinámica e temos que manter a nosa liña porque gañar xa sería un paso enorme cara o obxectivo final.

—Agardaba que o Noia estivese nunha situación tan apurada?

—No deporte ás veces méteste nunha mala dinámica e é complicado saír. Sobre todo se che pasa a principio de Liga, é unha lousa que custa moito levantar. Eu contaba que estiveran nunha situación máis desafogada, pero comezaron moi mal.

—Que é o que máis o preocupa do rival?

—A nivel individual teñen moitísima calidade. Coincidín con David (Pazos), Pirata, Rubi, Álex... Moitos deles son xogadores contrastados. Rubi vén de Inter, Pazos ten unha traxectoria moi importante, a Pirata prevéselle un moi bo futuro... Teñen moita calidade, pero o que máis me preocupa é o seu nivel colectivo. Hai xogadores que quizais non acaparan tanta prensa, pero teñen un equipo moi completo e compensado. Como con todos os rivais, o nivel é moi alto, e teremos que saír a competir ao máximo.

—Son dous dos equipos que menos encaixan. Agarda outro partido con poucos goles, como no 2-2 de Vista Alegre?

—O máis normal sería iso, pero se o partido se abre pronto nunca se sabe que pode pasar. O normal sería que non houbese moitos goles porque o Noia quizais si vai un pouco máis ao intercambio de golpes, pero nós somos un equipo que concede moi pouquiño e rara vez hai máis de cinco ou seis goles nos nosos partidos. Non creo que sexa moi distinto esta vez.

—Aportou máis ca outros anos no apartado goleador. Algunha vez fora pichichi do seu equipo?

—Penso que un ano en Primeira con O Parrulo metera 16, pero si é algo bastante anómalo para min. Nin caera en que son o máximos goleador do equipo, pensei que Juninho e Rikelme levaban algún máis. Somos cinco ou seis xogadores que levamos esa cifra de cinco ou seis goles. A falta de ter un futbolista que meta unha cantidade estratosférica, aquí todos aportamos o noso gran para sacar resultados.

—Uns cantos dos seus goles foron na defensa do porteiro-xogador. É algo moi traballado?

—Atopámonos bastante cómodos nesa situación. O feito de defendelo ben e non encaixar as primeiras veces refórzate en canto a confianza e creo que estamos sendo moi sólidos. Hai traballo e un chisco de sorte de que eses balóns me caen a min, tamén un pouco porque estou no pico, na zona máis adiantada da defensa.

—Está no seu mellor momento?

—Si, sen ningunha dúbida. A tódolos niveis. A nivel físico, de experiencia, de xogo... Hai moitos factores que me axudan. Ter a confianza do adestrador e os compañeiros, o estatus que me deron, axuda a sacar o mellor rendemento, estou nunha idade óptima para o fútbol sala, as lesións estanme respectando, teño un maior coñecemento de xogo, a miña vida persoal... Son un montón de cousas.

—Agora que a selección fai prelistas de 30 xogadores e vostede lidera ao equipo revelación de Primeira, non mira esas convocatorias con ilusión?

—Non. Para nada. Son realista e estrañaríame moitísimo que me chame a selección. Por idade e por nivel, sinceramente, non me parece viable.

—Enlazan catro xornadas sen gañar. Acusaron o cansanzo destas últimas semanas tan cargadas de partidos?

—Somos un plantel curto, pódese notar o cansanzo, pero tamén o sufriron o resto dos equipos. Puido afectarnos en certo sentido, pero competimos tódolos partidos. Con Inter íamos 0-1 e escapouse ao final, contra Manzanares estivemos para gañar, contra Santa Coloma tamén, Córdoba caeu do noso lado e en Palma si estivemos mal. O importante é que sempre damos a cara e unhas veces a moeda cae do noso lado e outras non. Foron cinco puntos, puideron ser nove ou doce, pero tamén menos. Penso que ese é o camiño que nos trouxo ata aquí e no que debemos continuar, levar o partido ata o final e pouco a pouco os puntos van refrendando o traballo.

—Nunha semana na que tamén se enfrontan Wanapix e Tudelano, cos oito puntos de marxe que teñen sobre o descenso, cre que poden empezar a mirar cara arriba? O play off está só a sete.

—Iso sería intentar saltar de pantalla demasiado pronto. Temos que saber quen somos e de onde vimos. O primeiro é selar a permanencia. Se o facemos con certa comodidade e o play off está aí, non imos renunciar a nada, sería bestial, pero a nosa principal preocupación é mirar cara abaixo.

—Moitos os situaron como principal candidato ao descenso, máis se cabe tras a perda de Pescados Rubén. Sente que se están reivindicando?

—Eu mesmo a principio de tempada pensaba que íamos ter que dar un paso adiante se queríamos loitar por salvarnos, non polo nivel propio do equipo, senón pola falta de experiencia en Primeira. Non tiña dúbidas do nivel colectivo, pero si de como nos adaptaríamos. Era normal que a xente nos dese como candidatos, pero creo que estamos demostrando que o noso nivel é alto, ninguén nos regalou nada e vimos para quedarnos.