Legalidade institucional

Ciprián Rivas VELAÍ

NOIA

Imagen de archivo del pleno de investidura de Santiago Freire como alcalde de Noia.
Imagen de archivo del pleno de investidura de Santiago Freire como alcalde de Noia. MARTA GÓMEZ

30 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Algunhas veces a un quédalle a cara de pedra. De seixo duro. E non é por non contar con argumentos para rebater, desde a lóxica, unha maneira de pensar diferente á exercida polo poder oficial. Ese poder que emanando do pobo rexe as Administracións do estado. Un poder, que no momento que se conquista vai dirixido a seguir manténdose nel, canto máis tempo, mellor.

O anuncio dunha moción de censura no concello de Noia presentada polo PSdeG-PSOE, BNG, Marea Cidadá de Noia e o concelleiro non adscrito, Luis Alamancos, elixido nas listas do PP, «co obxectivo de restaurar a legalidade institucional, recuperar a confianza cidadá e impulsar unha xestión pública baseada na transparencia, a planificación e o ben común», segundo indica a formación socialista nun comunicado, desbancará a Santiago Freire da alcaldía.

A moción de censura é unha ferramenta constitucional pola que se lle esixe ao goberno a responsabilidade política previamente outorgada. O que xa non se entende, segundo o comunicado do PSdeG-PSOE, é que un dos obxectivos polos que se presenta «sexa restaurar a legalidade institucional».

A legalidade institucional refírese ao principio polo que todas as accións e decisións dunha institución deben ser fundamentadas e limitadas pola lei, se iso non fose así, quere dicir que Santiago Freire usurpou inconstitucionalmente, tanto el como os funcionarios municipais, a legalidade nese Concello e, que se saiba, non houbo ningún asalto á institución. Se houbo algún salto foi o de Alamancos. Dun apoio a outro.