«Apetéceme presentarme de novo, pero aínda non o valorei»

La Voz

OUTES

02 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Carlos López acadou a alcaldía de Outes no ano 1995, collendo a testemuña de Gonzalo Pérez Villaverde.

O alcalde maniféstase orgulloso da organización do goberno e resalta que todos os seus membros teñen a información coa que conta el mesmo porque pon ao corrente aos seus concelleiros os xoves. Ese día é cando todos expoñen as necesidades do municipio e repasan o acadado e o que hai pendente.

-¿Que experiencia tiña cando decidiu presentarse?

-O tío da miña muller, que levaba moitos anos de alcalde, propúxome ir ás eleccións. Estudeino, fixen un plan e mirei que era o que quería para o Outes. Desexaba materializar proxectos que andaban pola miña cabeza e mantiven conversas con alcaldes significativos das diferentes ideoloxías. Despois dunha reflexión, decidín integrarme na lista do PP como independente. Gañamos. Fun sen experiencia e contactei coa realidade municipalista o mesmo día da toma de posesión. A independencia abandoneina pronto. Foi no intre de coñecer aos afiliados, meus veciños, unha xente do máis normal, intelixente, traballadora, galeguista, aberta e moderna. -A partir de aquí tivo unha vida moi activa no partido. -Si. Cheguei a ter cargos, aínda que nisto é posible que tivera que ver xente que me amosou un cariño, se cadra, excesivo, como Torres Colomer, Romay ou mesmo Dositeo Rodríguez. Eles axudaron a satisfacer a miña vaidade. Cando Torres accedeu á presidencia da Deputación, asignoume Cultura e Deportes. Aí sentinme moi alagado. Foi un momento no que vivín a política dunha maneira intensa, pero sempre co apoio dos meus compañeiros e compañeiras. -Son trece membros da corporación municipal. ¿Cantos teñen dedicación plena? -Só dous. O tenente de alcalde e máis seu temos dedicación exclusiva. Os dous somos mestres e contamos cun soldo aproximado á nosa profesión, máis unha parte proporcional, como non cobramos comisións nin plenos, en canto a viaxes. Por isto percibimos un pouco máis. -¿Ten pensado presentarse de novo á alcaldía? -Se lle dixera aos veciños que non desexo presentarme, trataríanme de mentireiro. Eles saben que me vai isto. A min apetéceme presentarme de novo, pero aínda non o valorei co partido nin cos compañeiros, pero si me gustaría.