Chamamento ás plumas desde Outes

La Voz

OUTES

sande

O certame de poesía Francisco Añón acada a súa vixésimo terceira edición con máis de 2.400 euros en premios

12 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Quedan tres meses para a conmemoración das Letras Galegas, data que sempre alenta a organización de certames e actividades vinculadas coa literatura, e en Barbanza xa se está a mover a maquinaria para caldear o ambiente. Desde Outes vense de convocar o certame de poesía Francisco Añón, un dos concursos con máis tradición da comarca, que chega nesta ocasión á vixésimo terceira edición.

O certame regresa co mesmo obxectivo que en anos pasados, que non é outro que promover a escrita en galego e entre persoas de tódalas idades, posto que nas seis categorías que se establecen entran desde nenos de 6 anos ata adultos a partir dos 18 e sen límite. Para estes últimos está precisamente reservado o premio máis importante, consistente nun cheque por importe de 1.300 euros. O resto repartiranse contías que van de 120 e 450 euros, ata sumar un total de 2.410 euros, que é a cifra que lle dedicou este ano o Concello de Outes ao seu concurso estrela.

A maiores, os poemas que resulten gañadores das diferentes categorías, así como unha segunda composición que será elixida polo xurado, formarán parte dunha publicación editada polo propio Concello.

Ata o 3 de abril

Todas aquelas persoas que desexen optar a calquera destes premios teñen ata o 3 de abril para facer chegar os seus traballos á casa de cultura de Outes. Os detalles das bases pódense consultar na páxina web municipal. Nelas recóllese que a decisión do xurado se fará pública o 17 de maio.

O veciño de Mondariz Kai Lois Baltrusch foi o que se fixo co máximo galardón o ano pasado; pero é un escritor de Outes, Ramón Blanco, o que figura de primeiro na relación de galardoados do Francisco Añón, pois gañou a primeira edición cando contaba con só 16 anos.