José Montes: O vínculo perfecto entre o mar e a arte

Uxía Pérez / a. G. RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

MARCOS CREO

Os seus cadros, expostos Outes, reivindican as paisaxes e tradicións galegas

21 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis dun centenar de veleiros tradicionais inundaron as augas da ría de Muros-Noia alá polo 2013. Un encontro de embarcacións tradicionais congregou en O Freixo a moreas de navegantes e a apaixonados do mar durante aquel verán. Entre os curiosos atopábase José Montes, un artista que vive a medio camiño entre Galicia e Málaga.

Foi el quen inmortalizou este momento que agora se encontra en Re-volvendo, a súa exposición na casa da cultura de Outes. Aquela cita mariñeira atópase entre as case 30 obras da mostra. Ademais destas ilustracións a toda cor, a colección tamén inclúe tres debuxos monocromáticos a lapis.

José Montes é un dos moitos afeccionados ao arte que non comezou a pintar ata que se rematou a súa vida laboral. Este profesor de química retomaba os pinceis tras a súa prematura xubilación: «Eu quería facer algo ca miña vida e a pintura pareceume a mellor idea». Os seus primeiros pasos neste mundo déraos facía anos, cando aínda estaba no instituto. El defínese como un pintor case autodidacta pois: «Aínda que si recordo algo dos coñecementos que adquirín na miña adolescencia, estes quédanme un pouco atrás».

Estreito vínculo

As tradicións e as paisaxes do mar son unhas das temáticas máis predominantes, non só nesta exposición, senón que tamén na súa arte. O pintor conta como volve cada pouco á súa terra: «Veño a Galicia tres veces cada ano porque non podo estar lonxe do seu mar».

As localizacións galegas son numerosas, sobre todo aquelas que se sitúan na súa ría. Zonas como monte Louro ou O Freixo aparecen reflectidas nos seus lenzos. Nun dos cadros, titulado Sementando, pódese distinguir o traballo das mariscadoras, honrando a arraigada tradición mariñeira clave na economía outéense.

Os seus trazos, inspirados por Van Gogh e o expresionismo alemán, non só imitan as augas da súa terra, senón que tamén transmiten outras realidades. Todas as ilustracións de José Montes foron pintadas en Málaga, provincia na que reside dende fai máis de 25 anos. Este feito xustifica que en ocasións un poida observar no seu arte influencias típicas da zona, como por exemplo un patio andaluz.

Ademais de paisaxes de sur e norte, nas paredes da casa da cultura tamén se poden distinguir vilas, bosques e incluso bodegóns. O último proxecto no que estivo inmerso o artista foron os retratos. As caras dalgúns dos seus coñecidos son as últimas incorporacións da colección.

Cando a José Montes se lle pregunta pola súa temática favorita responde que «as paisaxes danme moitísima máis liberdade creativa. Os retratos son algo moi concreto. Estes precisan de bastante tempo e de moita precisión para que se asemellen as persoas. Coas paisaxes síntome máis cómodo».

Unha das súas primeiras exposicións foi nestas salas. En 2015, a casa da cultura de Outes acollía Temperas, unha mostra de José Montes. Do mesmo xeito que non só pinta paisaxes marítimas, non só utiliza o óleo como técnica, pois nesta última presentación tamén se incluíron tres debuxos a lapis.

Na maioría dos casos, as súas obras nacen a partir de fotografías feitas durante as súas visitas a Galicia. Unha vez en Málaga, plasma e adapta todas estas instantáneas aos seus lenzos. Pero este labor non é algo sinxelo pois afirma que «voto todos os días ao redor de seis horas pintando».

José Montes abrazou a arte tarde, pero dunha forma definitiva, reivindicando constantemente as paisaxes que o viron nacer. Estes lugares non só quedan plasmados nos seus lenzos, senón que tamén permanecerán no seu corazón para sempre.

Os cadros.

A escolla das obras da mostra non se debe a unha selección temática, senón que estas foron as presentadas por ser as 30 últimas que pintou

A exposición.

Os seus cadros estarán na casa da cultura de Outes ata o vindeiro luns.