O BNG esixe transparencia ao novo alcalde de Outes e que faga público o acordo con Caamaño
OUTES

Acusa aos populares de irresponsables por non ter configurado o goberno
04 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai unha semana que o Concello de Outes cambiou de alcalde despois de que prosperara a moción de censura que presentou o PP co apoio do concelleiro do PSOE Antonio Caamaño e xa está a recibir as primeiras críticas. O BNG, a través do seu voceiro, Anxo Núñez, asegurou que o novo goberno comeza a súa andaina «dividido, enganando e ocultándolle á veciñanza o seu pacto de goberno co concelleiro tránsfuga». Neste sentido, esíxenlle ao alcalde que faga público o pacto que levou aos populares á alcaldía.
Núñez lamentou «a improvisación e falta de responsabilidade coa que o PP e Francisco Calo chegan á alcaldía de Outes» despois de que no pleno ordinario celebrado o xoves o rexedor explicara que aínda non estaba organizado o reparto de concellerías dentro do novo executivo.
O nacionalista contrapuxo esta situación coa que se viviu cando, tralas eleccións municipais do 2023, Compromiso, BNG e PSOE fixeron público o acordo para formar un tripartito en Outes: «Antes de chegar á investidura de Manuel González, xa había asinado e publicado para a cidadanía un acordo de goberno cos obxectivos, concellarías e demais aspectos da coalición».
Anxo Núñez afonda nesta cuestión sinalando que «entrar sen ter repartida a carga de traballo é unha irresponsabilidade. Non é aceptable nin eficiente que todos os concelleiros do PP estean a todo».