Luis Oujo: «Tardes o que tardes, o importante na Sin-Son é que a remates cun sorriso»
PORTO DO SON
O rexedor recoñece que a carreira segue gañando adeptos, e defende que xa é unha cita ineludible no mundo do atletismo
14 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Luis Oujo (Porto do Son, 1969) estará un ano máis na liña de saída da Sin-Son 10K. A proba, que cumpre este día 22 o seu octavo aniversario, medrou ata converterse nunha das carreiras más importantes de Galicia e alcanzar os 2.500 inscritos. O seu mérito, explica o rexedor, é o de pararse en cada detalle e facer «que todos se sintan importantes».
-Outro ano máis de Sin-Son.
-Xa chegamos á oitava edición. Ao ser en liña esta é unha carreira un tanto singular, non hai moitas así, nin en Galicia nin en España. Iso gusta moito aos corredores e tentamos coidar todo o que engloba a proba e prestar moita atención ao corredor, que estea cómodo. Cada ano imos mellorando, sexa na cronometraxe, nos dorsais, ou en que reciban o avituallamento sen abafar.
-Gusta a tódolos públicos, pero tamén aos máis profesionais.
-Este imos ter con nós a Alejandro Fernández, Lolo Penas, Iván Roade, Nuno Costa, a Ester Navarrete, ás irmáns Edymar e Joselyn Brea e a Paula Mayobre, por dicir algúns. Ademais contaremos con Adrián Ben, campión de Europa, como atleta invitado.
-Un elenco importante.
-Contábame Luis Otero que falou con Alejandro Fernández e díxolle que quere participar porque é unha das tres grandes carreiras de Galicia. Pero non pola proba sen si, senón porque se mestura o deportivo, o cultural e o turístico. Este ano a data cadra coa lotería de Nadal e a ver se toca algo. É de agradecer o esforzo dos técnicos deportivos que traballan todo o ano, así como aos patrocinadores e colaboradores que conseguen que a Sin-Son sexa das mellores de Galicia.
-Que novidades haberá?
-Sempre tes que fixarte nos pequenos detalles. Colocarase unha estrutura na liña de meta para que todos saiban o seu tempo, mellorarase no streaming e tamén se abriu a posibilidade á participación de persoas con discapacidade, para que o fagan en bicicleta. Queremos que participen tamén os máis pequenos. Hai moita xente que vén para rematar primeira, pero moitísima que quere pasalo ben. Tardes o que tardes, o importante na Sin-Son é que a remates cun sorriso.
-Cree que esta carreira se converteu nunha das mellores formas de vender Porto do Son?
-Entre adultos e nenos son máis de 2.500 persoas as que participan, pero tamén hai que sumar á xente que os acompaña. A hostalería e o comercio está contentísimos, non só os de Porto do Son, senón a nivel comarcal. O sábado terán tamén a feira do corredor, na que participarán os primeiros espadas do atletismo. É un fin de semana especial, non é só deportivo, senón turístico, é unha marca. Non fai falla que chames a ningún corredor para que veña, a carreira xa está nese calendario onde todos aos que nos gusta isto queremos participar.
-A peor parte, o tempo.
-Estes anos tivemos sorte, pero os partes meteorolóxicos non pintan ben. Queda unha semana e a ver se temos sorte.
-Sairán de todas formas?
-Si, pero non é o mesmo chegar á meta e tomar unha caña tranquilo, que se chove. Imos poñer duchas no polideportivo, na piscina e no campo de fútbol para que poidan asearse rapidamente e cambiar de roupa. Se está bo tempo é máis sinxelo que os corredores queden aquí, que gocen da nosa gastronomía. Faise máis bonito, sobre todo cando chegas á meta e que no último quilómetro che estean aplaudindo.
«Se digo a verdade, nunca pensei que a proba ía chegar ao que é hoxe en día»
O alcalde recoñece que cando hai oito anos pensaron en organizar unha carreira na localidade, nunca imaxinaron que acadarían os 2.000 corredores.
-Hai oito anos, en que pensaban cando decidiron organizar a primeira Sin-Son?
-O típico, facer unha carreira de dez quilómetros, como hai en moitos sitios. Ao comezo non controlaba tanto deste tema e preguntaba por que en liña. Nun circuíto é sempre o mesmo, igual pasas tres veces polo mesmo sitio. Na Sin-Son é diferente, vas mirando o mar, a costa... E ademais é dura. No casco urbano de Portosín é todo chan, pero despois sobes e baixas, sobes e baixas. A parte máis complicada é a recta da Aguieira ata a capela do Loreto. Tes que dosificar ben, porque se saes moi rápido ao principio... Tes que coñecer ben o traxecto, pero é o bonito. Esta é unha carreira feita por profesionais, pero se digo a verdade, nunca pensei que a proba ía chegar ao que é hoxe en día.
-Seguirán apostando por ela.
-Agora a Sin-Son é un referente, pero o que tes é que ir mellorando, nunca caer na monotonía. Hai cousas que podemos seguir facendo e cambiando, pero sobre todo debemos escoitar aos corredores. Do que che din sempre vas aprendendo.
-Que mensaxe lle envía vostede aos participantes?
-Que non dubiden en vir e que saiban que Porto do Son non é só a Sin-Son, senón que hai moitísimas cousas máis. Moita xente volve polos encantos que ten, pola amabilidade da súa xente, pola gastronomía e o comercio.
-Pensan en aumentar o número máximo de inscritos?
-Queremos medrar, pero de forma ordenada. Agora o circuíto urbano en Portosín ten un pescozo de botella ao que lle temos que dar unha volta.