Sergia Ventoso Armental. Enfermeira por invocación

Patricia Torrado Queiruga

PORTO DO SON

<span lang= gl >Sergia na Arxentina, con catro dos cinco fillos que tiña aló. Foto cedida pola súa neta Maricarmen Ben Queiruga</span>
Sergia na Arxentina, con catro dos cinco fillos que tiña aló. Foto cedida pola súa neta Maricarmen Ben Queiruga

A súa familia tivo abondos negocios en Porto do Son

26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao longo da nosa historia máis recente aparecen voces de mulleres que foron pioneiras e das que só sabemos grazas ao testemuño de familiares ou amigas achegadas. Esta é a historia dunha muller que pasou desapercibida.

Sergia Ventoso Armental naceu en Porto do Son o 24 de febreiro de 1873 nunha familia de sete irmáns. Coñece a quen ía ser o seu marido na Arxentina a onde fora coa súa nai logo de que esta enviuvase. Casa con Manuel Queiruga Romay, veciño da parroquia de Queiruga, e con el tivo 16 fillos, dos cais sobreviviron dez. A familia que fundaron tiñan abondos negocios dos que podían tirar: unha panadaría, unha tenda de coloniais que, amais de vender comestibles de conservación sinxela, tamén aprovisionaba a vila de produtos de ultramar, coma cacao ou café.

O marido rexentaba por aquel entón unha empresa consignataria de barcos no pobo, encargada de representar os intereses do navieiro ou propietario do buque, cando o mesmo se atopaba en porto, porporcionándolles toda a asistencia e asesoramento necesarios. Era, pois, o encargado das xestións materiais e xurídicas necesarias para o despacho do buque.

Con todo, Sergia mandou cinco dos dez fillos á Arxentina, terra amable para ela, pois xa fora coa súa nai viúva para aló, e naquel lugar ficaban abondos familiares para poder axudalos a instalarse e asistilos. Mais para unha nai é difícil estar tempo sen a súa rolada, co que decidiu embarcar como enfermeira a Arxentina, dese xeito gañaba un xornal, non gastaba na pitanza, facía un ben polos demais e ía ver as súas tres fillas e dous fillos. Por iso dicimos que foi enfermeira por invocación, do latín invocare, «chamada en axuda de...».

O 19 de maio de 1915 aparecía por primeira vez o título de enfermeira, como profesionalización, a partir dunha real orde asinada por Alfonso XIII a proposta do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes no que, a instancia da comunidade das Servas de María, ministra dos enfermos, se recoñecía a enfermería como unha profesión, se ben antes se tiña o coidado de anciáns, nenos e enfermos só como «virtude feminina». Naquel entón, a falta de enfermeiras que fosen cursar estudos a Madrid e examinárense alí, eran os médicos do lugar os que habilitaban as enfermeiras, como aptas ou non, para poderen exercer.

O resto da prole ficaba aquí, axudando o pai no negocio de coloniais, na panadaría e na consignataria (esta só traballaba determinados meses ao ano debido aos temporais ou á falta de viaxes).

No caderno de navegación de Sergia figuran 14 viaxes a Arxentina ao longo dos anos 1925-1930, todos eles en buques da compañía Norddeutscher Lloyd, con porto base na cidade de Bremen.

As viaxes cesan a partir de abril de 1930, pero non por iso a súa actividade para cos demais, xa que grazas á empresa consignataria, despois da guerra puideron favorecer moitos escapados cun salvoconduto para fuxir a América. Do Son marchaban aleccionados para o porto de Vigo, onde tiñan que demostrar non ser analfabetos e a proba sempre era a mesma, a de darlle a volta a un xornal que estaba do revés; quen ía desconfiar dun exalcalde e da súa dona en canto a ser enlace entre os escapados e a liberdade?

Sergia faleceu con 65 anos no pobo que a viu nacer a raíz dunha gangrena por diabete.