Letargo

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

RIANXO

21 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa pasaron dez anos dende aquel 2009 no que a estrutura inmobiliaria comezou a derrubarse de xeito abrupto, como ninguén recordaba antes, e que deron paso ao terceiro episodio histórico de emigración en Galicia, que producirá -coma os dous anteriores- cambios na estrutura construtiva, para a que non estamos preparados. Pero tamén debería producir cambios estruturais no urbanismo galego, e, como dixen noutro momento, era o momento de facer reformas de calado que corrixiran os erros detectados anteriormente, cambios que deben levarse a cabo cando non hai presión inmobiliaria.

É certo que se modificaron normas autonómicas para mellorar a paisaxe, pero non se fixo unha fonda reflexión sobre a ordenación do territorio, tanto a nivel xeral como municipal. É necesario reformar os plans e normas urbanísticas da maior parte dos concellos para evitar medrar sen orde, cambios que eviten que as persoas sigan embarcándose en proxectos que non poden rematar, porque ninguén os asesora, ou eles non se queren deixar asesorar.

Aínda non lle demos unha solución aos centos de esqueletos espallados pola paisaxe, moitos en mans de bancos que só perseguen o beneficio económico, pero tampouco cambiamos as normas para evitar que esa situación se volva repetir. Repetirase sempre que as condicións financeiras melloren, porque nada aprendemos dos erros pasados, e non houbo unha reflexión xeral sobre un dos maiores problemas que ten este país: un territorio sen orde, ineficiente, inestable, caro de manter. Vivimos un letargo que nos vai pesar no futuro dos nosos fillos.