
O rianxeiro participará esta semana no Campionato de Europa da Liga Profesional
05 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Brais Vicente (Rianxo, 1995) xa sabe o que é chegar ao máis alto do culturismo. O dúas veces campión de España, así coma míster universo, subcampión do Top Tap Classic e finalista entre os cinco mellores do Mr. Olympia, volverá esta semana á competición. Participará nunha das citas máis importantes do mundo, o Campionato de Europa da Liga Profesional, que será xoves e venres en Alacante, a onde acudirán algún dos nomes propios do panorama internacional.
-De novo chega a competición. Cal é o obxectivo desta vez?
-Mañá viaxo a Madrid. E de alí dirixireime cara Alacante co xefe dun dos meus patrocinadores, Nocco. Eu vou para gañar, pero sei que compito contra os mellores e os máis famosos.
-Que tal foi a preparación?
-Empecei a prepararme en outubro. Foi moi duro, sobre todo psicoloxicamente. En xaneiro pasei por un momento moi complicado a nivel persoal. Non comía, non durmía, pero tiven que seguir adestrando. Acabei incluso facendo varias sesións cunha psicóloga, miña amiga Marina Tirado. Agora estou mellor.
-E durante o confinamento? Seguiu traballando?
-Mantiven a dieta pautada por Kike García. Adestraba como podía na casa. Pero xa podes imaxinar, non foi fácil. Houbo un momento que tivemos que parar o traballo no ximnasio, pero en canto se puido retomámolo e seguimos preparando este Europeo.
-A parte final adoita a ser a máis difícil, non? Polo tema do déficit calórico.
-Si, as últimas semanas apenas podo durmir, cústame camiñar, son días bastante complicados. Estou consumido, levo un mes sen poder comer graxas.
-E merece a pena tanto sufrimento?
-Claro! Senón non o faría.
-Imaxino que ao rematar o campionato pegarase unha homenaxe.
-Cando termine iremos todos os amigos a comer xuntos por Alacante. ¡Pero con cabeza! Quero competir tamén en novembro, no Olimpia de Portugal.
-Esperase nivel en Alacante?
-Creo que será un dos mellores eventos de Europa dos últimos anos. Veñen moitos culturistas americanos, xente á que admiro moito.
-E hai posibilidade real de rascar algo?
-A ver, o cambio que demos este ano foi incrible, a pesar de todo o que pasou. Foi un cambio moi grande, pero vou coa idea de facelo o mellor posible e listo. Son consciente do difícil que será e a calidade dos rivais que terei diante.
-E que metas se pon a medio ou largo prazo?
-Conto con facerme coa tarxeta IFBB Pro e irme a competir a Estados Unidos. Iso permitiríame ir ás Vegas como culturista. E iso supón un nivel de repercusión brutal a nivel márketing, marcas patrocinadoras. É o lugar máis importante do mundo.
-Ata agora que foi o máis complicado neste mundillo?
-Sempre digo que o difícil non é adestrar nin facer a dieta. É facelo con todos os problemas que tes no día a día. Hai que seguir adiante a pesar diso. Coma todo o mundo, temos un traballo, unha vida a parte disto...
-Segue traballando da man de Kike García coma adestrador?
-Non me imaxino preparando unha proba con outra persoa. Entendémonos á perfección. Ademais de ser o meu adestrador é o meu mellor amigo.
-E que opina da reputación que ten a día de hoxe o culturismo. Cre que está mal visto?
-Nos últimos anos, na miña categoría, Mens Physique, é un deporte á alza. Non creo que estea mal visto. Nos contratos publicitarios e patrocinadores está subindo moitísimo.
-Como é unha rutina diaria?
-Levántome ás oito da mañá, fago café e póñome con exercicios de cardio co estómago baleiro. Logo cociño todo o do día e ao mediodía teño unha segunda comida preadestramento. No ximnasio estou hora e media, con pesas e xa fago alí a terceira comida. Dependendo do día podo ter sesión de fotos ou de vídeo para algunha marca. Volvo á casa e descanso. Xa me custa camiñar. Antes de ir para a cama, última cea e marcho para durmir.
Máis datos:
Palmarés. Vicente xa acadou algúns dos títulos máis importantes a nivel nacional e internacional e quedou entre os cinco mellores no Mr. Olympia.
A dieta, clave. Na vida de todo culturista, a alimentación é o principal piar que marca a diferenza, máis incluso que as pesas.