
A Casa Museo Manuel Antonio abriu en setembro, logo do obrigado peche de marzo
06 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Hai quen, cando pensa en Rianxo, pensa no mar. Outros, traen á memoria a Castelao, Manuel Antonio e Dieste, e ninguén se equivoca. A vila respira mar polos catro costados e pode presumir de ter, posiblemente, a rúa máis literaria de Galicia: a rúa de Abaixo. Alí, nun treito de apenas 100 metros, están as casas dos tres ilustres escritores rianxeiros, un dos atractivos turísticos máis importantes cos que conta o municipio.
A Casa Museo Manuel Antonio é unha realidade dende marzo do 2011. Ao escritor máis vangardista das nosas letras, ao poeta do mar, restauráronlle a casa onde naceu e viviu ata os dous anos, pero que realmente nunca abandonou. A ela foi morrer en 1930, cando a tuberculose o levou antes de chegar á trintena. Sobre esta historia sabe moito Alejandro Laíño, técnico cultural encargado de recibir aos visitantes na vivenda do rianxeiro: «Manuel Antonio é unha figura enigmática. Somos afortunados por poder descubrila».
Aínda que, neste ano atípico, foron moitos os que quedaron coas gañas de facelo. A mediados de marzo, a pandemia obrigou a que o museo pechase as súas portas e non puideron retomar a actividade ata este mes de setembro. O número de visitantes é un reflexo do momento que se está a vivir. «Está a ser un ano moi malo e volver á situación de antes non vai ser sinxelo», afirma Laíño.
Dende a súa inauguración, cada ano pasan por estas instalacións «entre 2.000 e 2.500 persoas», moitas delas son grupos de escolares. «Veñen de toda Galicia e debe gustarlles porque repiten todos os cursos», sinala o técnico. Xa están dando os primeiros pasos para virar a situación. Puxeron a andar a páxina de Facebook do museo e estanse a preparar para facer visitas guiadas virtuais e en streaming.
Fondos
Coa axuda das novas tecnoloxías ou acudindo en persoa, o inmoble achega aos visitantes as diferentes facetas de Manuel Antonio: a familiar, a política, a literaria e tamén a do poeta a bordo do Constantino Candeira, onde escribiu varios poemas e De catro a catro, a súa obra máis importante e a única que publicou en vida. Un repaso feito a través das fotografías de Xosé Pérez, curmá do poeta, que retratou o Rianxo de principios do século XX. Tamén se poden ver cartas do escritor, libros de navegación e manuscritos cedidos pola familia e pola Fundación Barrié de la Maza. «Incluso contamos con algún debuxo e unha reprodución do pailebote no que estivo embarcado, elaborado polos asteleiros da vila seguindo a tradición da carpintería de ribeira», conta Laíño.
A apertura desta casa museo de Manuel Antonio é o primeiro paso dun proxecto maior, a Academia Literaria, que busca musealizar as vivendas dos tres escritores rianxeiros. «A casa de Rafael Dieste xa foi restaurada estruturalmente e mesmo se celebrou alí a presentación dalgún libro. Se ben, aínda queda moito traballo para convertela nun museo coma o de Manuel Antonio», afirma Alejandro Laíño. Espérase que nun par de anos poida abrir as súas portas. No caso de Castelao, a conversión vai ser máis lenta. «Aínda non é propiedade do Concello nin se conseguiu unha cesión», explica o técnico.
Tamén é necesaria máis inversión económica. Hai case dez anos que se abriu ao público a vivenda do coñecido como poeta do mar, pero veciños e visitantes non poden gozar dela todo o ano. «Hai meses que está pechada e só se pode visitar con reserva previa», conta Laíño. Sobrevive cunha subvención da Deputación, que só permite a súa apertura durante seis meses.
Rianxo xa conta con dous museos dedicados ao mar e, para Laíño, conseguir esta Academia Literaria suporía converterse nun referente cultural con todas as letras.
Historia. A Casa Museo Manuel Antonio inaugurouse en marzo de 2011 e é o primeiro piar da Academia Literaria rianxeira.
Horario. Pódese visitar de martes a domingo de 10.00 a 14.00 horas. Os sábados tamén abre polas tardes, de 17.00 a 20.00 horas.