Tempos de cambio no audiovisual galego

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Duarte Galbán e Xosé Antonio Touriñán estrean a nova proposta audiovisual «Tempos Modernos»
Duarte Galbán e Xosé Antonio Touriñán estrean a nova proposta audiovisual «Tempos Modernos» cedida

Duarte Galbán conta con Xosé Antonio Touriñán para estrear o seu novo proxecto

25 oct 2024 . Actualizado a las 20:11 h.

Duarte Galbán (Rianxo, 1992) é desas persoas que non poden estar quietas un momento e sempre anda ideando novas aventuras nas que embarcarse, mentres que continúa co seu traballo como presentador televisivo, actor e humorista. Desta volta puxo en marcha un ambicioso proxecto que quere ser un referente no audiovisual galego e que terá a súa vila natal como escenario.

«É un nova proposta que queremos que sexa a longo prazo, non sabemos moi ben se a través de Internet ou da televisión. A idea é facer un espectáculo en formato teatral ou club da comedia, é dicir, que a xente poida ir a velo, pero tamén darlle forma para que sexa consumido como un formato audiovisual en galego», explica o artista rianxeiro, que considera que o xeito de ver televisión pola xente moza está cambiando e hai que adaptarse ás novas demandas.

Para iso, investigou un pouco o que se está facendo fóra para intentar argallar algo similar en Galicia con contidos innovadores, e coa colaboración de novos artistas que poidan enganchar a todos os públicos, «porque como lle digo aos meus xefes, La resistencia cando empezou só a vían os rapaces, pero agora atrae a todo o mundo. Hai que darlle unha voltiña ao que se está facendo aquí e intentar chegar a todo o público dunha nova forma e en galego».

«É un nova proposta que queremos que sexa a longo prazo»

A súa intención é ser o condutor das distintas entregas deste formato e logo ir de cada vez contando coa colaboración de outros artistas. E, para arrancar con bo pé, Duarte Galbán quixo rodearse dun compañeiro e amigo que é un éxito asegurado: Xosé Antonio Touriñán, porque «Touri é Touri e dá igual o que conte... imos rir. Para estrealo sempre pensei nel porque podo dicir que o admiro tanto dentro como fóra do escenario, traballei con el e xa que nunca veu a Rianxo, pensei que era un bo enganche para atraer á xente».

Ao aire libre

A posta en escena de Tempos modernos, que así será como se chame o espectáculo, terá lugar o 31 de xullo no recinto exterior do colexio Alfonso Rodríguez Castelao de Rianxo, onde se instalará un escenario cun decorado estilo night show, e no que os espectadores poderán gozar dunha montaxe baseada en tres piares fundamentais: a música en directo, que correrá a cargo do grupo Leite con Jalletas, a arte en todas as súas vertentes, «porque pode pasar de todo, e a comedia como bandeira».

Nesta primeira entrega haberá dous monólogos distendidos, por unha banda o que presentará Duarte Galbán e pola outra o de Touriñán, que traerá tamén o seu último espectáculo. «E a partir deste primeira experiencia ir abríndonos ao que poida pasar en cada un dos eventos. A idea é empezar con este e logo seguir, ben con outras entregas en formato físico ou ata outro tipo de formato máis audiovisual, que pode ser televisivo».

O artista rianxeiro non está só nesta nova aventura, posto que xa conta cun equipo humano importante, con moita xente da vila, empezando polo seu amigo e colaborador Román Castaño, ata compañeiros das compañías Aine e Ficción, que se encargan un pouco de toda a loxística e de poñer os piares para que o proxecto teña saída no mercado.

«La resistencia cando empezou só a vían os rapaces, pero agora atrae a todo o mundo»

Tamén o Concello de Rianxo quixo sumarse ao proxecto desde o principio, non só poñendo o colexio, senón aportando todo tipo de medios, posto que as medidas de seguridade pola pandemia obrigan a redobrar esforzos neste ámbito.

«Tal e como están os tempos, facer un evento destas características e complicado», confesa Galbán, que resume en unha frase o seu proxecto: «O obxectivo e ir contando o noso, o que pasa aquí pero doutra forma e noutro formato».

«Tempos modernos». Será o 31 de xullo no patio del colexio Castelao de Rianxo, e ademais de monólogos, haberá música en directo, entrevistas e moitas sorpresas.

Entradas. As localidades pódense merca de forma anticipada cun prezo que oscila entre os 12 e os 16 euros dependendo da zona. Están á venda na web www.ataquilla.com ou cafetería Castelao.