A reivindicación de Castelao como primeiro presidente de Galicia centra o acto do seu 75 cabodano
RIANXO
Rianxo acolleu unha ofrenda floral na memoria do intelectual
07 ene 2025 . Actualizado a las 22:15 h.O pasado 15 de novembro, no Parlamento de Galicia levouse a cabo un acto de recoñecemento a Castelao como primeiro presidente do Consello de Galiza. Porén, ese feito histórico non tivo demasiada transcendencia máis alá do ámbito institucional, académico e cultural, por iso, no acto celebrado este martes en Rianxo con motivo do 75 aniversario da morte do intelectual rianxeiro, reivindicouse especialmente o seu perfil político e como impulsor do galeguismo e o autogoberno.
O celebrado na vila natal de Castelao foi un acto sinxelo e acelerado pola incesante chuvia que caeu ao longo de toda a xornada. No paseo da Ribeira, diante do busto dedicado ao intelectual, realizouse unha ofrenda floral encabezada por Francisco López, Chesqui, secretario xeral do Partido Galeguista, impulsor da homenaxe; polo alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e polo secretario xeral de Política lingüística, Valentín García. Nunhas breves intervencións, subliñouse o papel fundamental que tivo Castelao no devir político de Galicia e no necesario que é que se lle recoñeza.
Chesqui incidiu en que este ano se conmemora unha efeméride moi especial, xa que non só se trata do 75 aniversario da morte de Castelao, senón que «é ademais o primeiro cabodano como primeiro presidente de Galicia». Aproveitou tamén a ocasión para reclamar unha homenaxe popular para o rianxeiro: «Ese recoñecemento institucional como primeiro presidente de Galicia non transcendeu ao pobo, quedou no eido cultural e intelectual porque non se lle deu a importancia que realmente ten e debe traducirse nun gran acto popular. Castelao é do pobo e ten que chegar ao pobo».
Pola súa banda, o rexedor rianxeiro afondou tamén na necesidade de pór en valor ao Castelao político: «Esta non é unha efeméride máis nin se trata de recordar a obra dun gran escritor e debuxante e un fantástico humorista, senón que hai que resaltar o que foi: unha persoa que puxo ás clases populares na primeira liña e que tivo un papel político fundamental, que conseguiu algo esencial como é o Estatuto e que foi o primeiro presidente de Galicia».
Por último, o secretario xeral de Política Lingüística destacou a Castelao como referente e figura de unión dos galegos.
Ademais, tamén se celebrou unha misa cantada na honra do intelectual rianxeiro na igrexa de Santa Columba que estivo oficiada polo párroco Marcelino Sánchez, quen destacou que Castelao é «unha figura universal, patrimonio de todos os rianxeiros e galegos». Tamén coincidiu con Valentín García en sinalar que o escritor«ten que ser un referente de unión».
Falou Sánchez da coincidencia de que neste 2025 coincida o 75 aniversario do falecemento de Castelao co 25 aniversario do pasamento da súa irmá Teresa, «quen era unha muller moi relixiosa e caritativa».
No acto relixioso tamén participaron moitas personalidades políticas.