Poderá visitarse ata o vindeiro 8 de febreiro en Rianxo
19 ene 2025 . Actualizado a las 14:02 h.O propio Castelao e a súa obra teñen tantas arestas que abarcalas todas de vez resulta imposible. Porén, o inxente legado que deixou permite aproximarse a cada unha das facianas do político, artista e escritor, e ata o vindeiro 8 de febreiro que desexe aproximarse ao seu perfil máis satírico, irónico e de denuncia social teñen a oportunidade de facelo a través da exposición Os homes, por Castelao, que se exhibe no auditorio de Rianxo.
A mostra chegou á vila natal de Castelao grazas á colaboración do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e a xenerosidade do propietario das obras que se exhiben, o coleccionista Roberto Taboada. Para el foi o agradecemento tanto do alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, como co director do Museo de Artes, Xoán Pastor Rodríguez, no acto de inauguración que tivo lugar na noite do venres. Os homes reúne preto de 70 pranchas de cinc orixinais coas que se imprimiron os debuxos inspirados na figura humana que Castelao publicou no xornal Galicia de Vigo en 1925.
Estas pranchas parece que se realizaron nos obradoiros do propio periódico vigués e estiveron décadas esquecidas, ata que nos anos 90 Roberto Taboada, que participou na inauguración en Rianxo co seu fillo, as rescatou. É a segunda vez que poden admirarse, acompañadas polas viñetas orixinais publicadas nos anos 20 e unha pequena mostra de distintas edicións de Cincuenta homes por dez reás, unha obra que veu a luz en 1930 e que recompilaba esta serie de debuxos.
Ilustracións como «o home que cazaba lebres compradas», «o home que en doce anos en América gañou para un enterro de primeira» ou «o home que casou con Ramona para aforrar unha criada» son unha mostra do humor irónico e a crítica social da obra do rianxeiro.
A exposición enmárcase nas actividades do Ano Castelao, que se conmemora con motivo do seu 75 cabodano, e é o inicio dos actos que se sucederán tanto en Rianxo e en Galicia como fóra nos vindeiros meses. De feito, o director do Museo de Artes avanzou que a Universidade da Coruña mostrou o seu interese por exhibir Os homes, mentres que se está a traballar para mover os fondos da sala ribeirense relacionados con Castelao a Madrid, e incluso hai a posibilidade de que crucen o Atlántico ata Bos Aires.