Pedro Piñeiro Hermida (As Lamas, O Valadouro, 1946) foi alcalde do Concello de Rianxo de 1995 ao 2011, período de dezaseis anos que é lembrado, nomeadamente polos veciños, pola súa eficaz entrega cívica á mellora do municipio. Hoxe, Rianxo é coñecida e celebrada no mundo, debido, en non pequena parte, á dedicación fervorosa, por parte do alcalde Pedro Piñeiro, ao patrimonio literario da vila onde naceron e crearon, entre outros, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1850), Rafael Dieste (1899-1981) e Manuel Antonio (1900-1930). Como estamos no Ano Castelao (no seu 75.º cabodano), é de xustiza lembrar, polo menos en parte, as actividades promovidas ou apoiadas pola Corporación municipal neses 16 anos baixo a batuta intelixente e comprometida do seu alcalde.
As actividades do alcalde Piñeiro Hermida non foron alleas a persoas do mesmo ilustre apelido: a Teresa Rodríguez Castelao, a irmá que faleceu, centenaria, no ano 2000 (a outra, Xosefina, falecera en 1974); e a Manuel Rodríguez Castelao e José Losada Castelao, curmáns, vítimas de tráxica morte en 1937, tema tabú durante moito tempo. Porque rexía o Concello un alcalde coa debida sensibilidade histórica, abordouse con normalidade unha vella débeda: que os restos dos dous mestres galeguistas, os Insuas (así eran chamados na vila), fosen trasladados ao cemiterio de Rianxo para xaceren en terra familiar e coa súa xente. As curmás, as irmás de Castelao, Teresa e Xosefina, sempre suspiraron por este traslado. Tráxica, de traxedia grega, fora a morte dos dous mestres galeguistas: suicidáronse, no bou Eva, en Vigo, o 22 de abril de 1937 cando fuxían de Atila camiño da liberdade. Morreron, desa maneira, na compaña doutros sete republicanos galegos, un deles, muller, a comunista Carmen Miguel Agra (aínda vive, felizmente, a filla maior, Conchiña). Teño noticias de que «a traxedia do bou Eva», aquel suicidio colectivo ante o terror de Atila, vai ser tema dun filme inspirado na obra de teatro de Julián Rodríguez Novo. No Rianxo de Pedro Piñeiro falouse por primeira vez en público dos irmáns Insua e da traxedia do bou Eva.