

















Na carpa instalada no Campo de Arriba servíronse 240 quilos deste peixe
26 jul 2025 . Actualizado a las 09:45 h.Cando o reloxo marcaba preto da unha da tarde e comezaba a asomar a fame, a carpa instalada no Campo de Arriba para acoller a Festa da Xouba de Rianxo empezou a recibir aos comensais. Pero antes de poderlle meter o dente ao prezado manxar, a asociación Fogo Fatuo deleitou aos presentes cun peculiar baile que foi recuperado para ocasión no que utilizaron unha rede. Gustou ao público, que buscaba resgardarse na sombra, vistos os aplausos.
Porque o sol apertaba, aínda que se aguantaba ben, nun dos días «máis especiais do noso calendario no marco da Festa da Xouba», sinalou o alcalde, Julián Bustelo, quen mostrou a súa satisfacción pola cantidade de xente que agardaba xa para coller os tiques das racións.
Catro elaboracións
Un total de 240 quilos de xouba foron os que a asociación Virxe do Carme de Leiro encargouse de preparar. Houbo sesenta racións co peixe guisado, outras tantas feito en escabeche, 240 de empanada e sobre trescentas xoubas fritas. O prezo foi de oito euros salvo as de escabeche, que eran seis. Bebida aparte, que falta facía para refrescar e axudar a que baixara a comida.
Rianxeiros e visitantes, tanto doutras localidades da comarca como de fóra de Galicia escoitados os acentos, desfrutaron ata que houbo que pechar porque na cociña xa non quedaba nada que preparar xa que, como afirmou o rexedor, esgotáronse todas as racións preparadas. E mentres uns comían, outros estiveron detrás da barra afanándose en servir aos asistentes, que non eran poucos.
A degustación foi o acto central da celebración, pero non foi o único nin o último, porque pola tarde está programada unha homenaxe das embarcacións tradicionais a Castelao no paseo da Ribeira. Para o sábado, ás 10.00 horas, está prevista a saída do porto rianxeiro da Inchadiña Branca Vela, organizada pola Fundación Rosalía de Castro e a asociación cultural Dorna da Arousa en colaboración cos concellos de Padrón, Rianxo, Catoira, Dodro e Valga. O percorrido rematará no Espolón de Padrón ás, aproximadamente, seis e media da tarde.
Na rianxeira praza Rafael Dieste, ás nove e media, actuará a Banda da Escola de Música de Rianxo e Teatro Airiños. Á mesma hora, pero na praza Castelao, o colofón desta Festa da Xouba chegará o domingo co espectáculo Danza 3 a cargo de Cantigas e Agarimos.